A asma é unha enfermidade crónica moi prevalente, que afecta a un 4- 5,5%
da poboación adulta, ao redor de 339 millóns de persoas en todo o mundo, e xera
un consumo moi importante de recursos humanos e materiais. En España, máis de
tres millóns de persoas teñen asma, das que o 10% son nenos de entre 6 e 7 anos
e o 15% son adolescentes de entre 13 e 14 anos. O custo medio por paciente e
ano calcúlase en 1.726 euros, que varía en función da gravidade da asma nun
rango que vai desde os 959 euros para a asma leve aos 2.635 euros para a asma
grave.
Hoxe martes dia 7 de maio, celébrase o día mundial do asma, que este ano ten
como slogan “A educación sobre a asma empodera”.
A asma é unha enfermidade multifactorial que non se pode previr e na que
participan moitos elementos, tanto relacionados coa persoa (xenética,
comorbilidades), como coa contorna (exposición ambiental a irritantes,
contaminantes ou alerxenos). Como todas as enfermidades crónicas, o máis
importante é manter un bo control e previr os ataques. Más da metade dos
pacientes con asma non ten a súa enfermidade controlada. A causa principal do
mal control da asma é a falta de adhesión á medicación. É moi importante
concienciar ao paciente sobre a necesidade de realizar o tratamento indicado de
maneira regular para evitar que a asma pase de ser un proceso controlado a
descontrolado.
A educación do paciente con asma é un elemento básico do tratamento, xa que
reduce o risco de padecer unha exacerbación, aumenta a súa calidade de vida e
diminúe os custos sanitarios, polo que forma parte indispensable do manexo
integral da enfermidade. A educación do paciente ten como obxectivo reforzar a
alianza terapéutica, a adherencia á atención médica e as habilidades do
paciente, incluído o autocontrol, para mellorar o manexo e control da asma, así
como a calidade de vida. Desde un punto de vista práctico, a educación debe
contemplar dous grandes aspectos: transmisión de coñecementos e adquisición de
habilidades e competencias.
A educación sobre a asma mellorou nos últimos anos como resultado da
aplicación de principios teóricos baseados na evidencia que guían a aprendizaxe
e a modificación da conduta. Os programas exitosos de educación sobre a asma
inclúen estratexias de cambio de comportamento, prácticas de coidado compartido
e habilidades de comunicación, un proceso educativo claro, adaptación ás
necesidades do paciente, múltiples formatos de ensino etc. Con todo, numerosas
áreas na educación sobre a asma requiren melloras e máis investigación, como os
modelos do mundo real, as sensibilidades ás poboacións ou lugares desatendidos,
as asociacións innovadoras, a continuidade da atención e os incentivos/participación
dos pacientes.
As intervencións educativas non só se poden desenvolver na contorna
clínica. As intervencións de autocoidado nas escolas, ou por parte doutros
pacientes con asma, proporcionan un mellor control, unha redución das
exacerbaciones e unha mellor calidade de vida. Ademais, poden influír positivamente
en que os adolescentes non se inicien no hábito do tabaquismo e adiccións.
Decálogo de estilo de vida
saudable para o bo control do asma
1.- Acudir de forma
periódica ás consultas programadas co especialista e o médico de familia. Eles
informaran das características da asma, variabilidade dos síntomas e causantes
e como recoñecelos.
2.- Tomar sempre a
medicación que prescriba o médico cumprindo as súas indicacións: dose,
frecuencia e duración pautadas. Nunca automedicarse.
3.- Crear un diario de
asma. Recoller os datos dos síntomas, tratamento e calquera axente que pareza
un causante dos brotes de asma. Para ilo hai aplicacións para descargar no
móbil que axudan a realizar este control: ASMACONTROL de SOGAPAR.
4.- Tratar precozmente os
síntomas da asma cando aparezan. Utilizar o plan de acción personalizado e
consultar ao médico. Revisar periodicamente a técnica inhalatoria.
5.- Utilizar correctamente
os inhaladores. O único tratamento efectivo na asma é aquel que se inhala
correctamente.
6.- Non fumar e evitar
ambientes con fume.
7.- Procurar respirar aire
limpo e libre de alérxenos.
8.- Realizar deporte ou
actividade física. Estar activo axuda a mellorar a saúde.
9.- Manter hábitos
alimentarios saudables. A obesidade é unha comorbilidade que pode conleva un
mal control da asma.
10.- Facer prevención de
infeccións respiratorias: lavado frecuente de mans, evitar contactos con
persoas con arrefriados ou outras infeccións respiratorias, evitar
amontoamentos durante as epidemias de virus respiratorios, vacinarse da gripe,
…