O NOVO PROGRAMA GALEGO DE PREVENCIÓN DA TUBERCULOSE FIXA COMO OBXECTIVO ACADAR UNHA INCIDENCIA MENOR DE 20 CASOS POR 100.000 HABITANTES
EnviarImprimir
MeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas
» Axuda
12 09 2012

Santiago, 12 de setembro de 2012.- A Consellería de Sanidade actualiza o Programa de Prevención e Control da Tuberculose para o período 2012-2015, co obxectivo de acadar unha incidencia menor de 20 casos por 100.000 habitantes, que é o camiño para ser considerada unha comunidade con baixa incidencia de tuberculose.

 

Os profesionais de Sanidade levan traballando un ano na actualización e mellora deste Programa, co que se pretende potenciar as Unidades de Prevención e Control da Tuberculose (UTB), converténdoas en unidades de referencia para o diagnóstico, seguimento e tratamento de todos os enfermos e infectados de tuberculose. É dicir, realizarase unha re-estruturación dos recursos e unha definición dos procesos para ofrecer consultas sen demora e evitar os ingresos innecesarios.

 

O aforro potencial podería ascender a un millón de euros por ano, e se a isto engadimos que conseguindo un diagnóstico e tratamento precoz evitariamos novos casos de infección / enfermidade tuberculosa, o aforro aínda sería maior.

 

A incidencia (número de casos novos de enfermidade por 100.000 habitantes) da tuberculose en Galicia segue a ser maior do que nos correspondería pola nosa situación socioeconómica e sanitaria e supera á dos países do noso contorno e doutras CCAA, polo que para progresar no seu control e na súa eliminación é preciso realizar o diagnóstico precoz e o tratamento correcto de todos os casos de enfermidade, así como potenciar os estudos das persoas que estiveron en contacto cun caso de tuberculose, para tratar aqueles que teñan un maior risco de progresar a enfermidade e evitar o seu desenvolvemento nun futuro.

 

Desde a posta en marcha do 1º Programa galego de prevención e control da tuberculose, no ano 1996, a incidencia da tuberculose na nosa comunidade descendeu de forma progresiva e constante, desde 1996 ata 2011 o número de casos diminuíu un 66%. Así, o número de casos novos anuais reduciuse en quince anos  de 1.994 a 784, o que supón que os custes derivados do seu tratamento diminuíron dende 5,2 millóns anuais a 2 millóns.

 

Instrución aos profesionais

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde remitirán aos seus profesionais unha instrución para informalos sobre a actualización deste programa. Nela se indica, entre outros asuntos, que as persoas pertencentes a colectivos de especial vulnerabilidade e sen acceso aos coidados que ofrece o sistema sanitario público, como poden ser os inmigrantes irregulares, e acudan un centro sanitario do Sergas serán derivadas á UTB de referencia cando haxa sospeita de infección pola enfermidade.

 

Por razóns de saúde pública, tamén serán derivados ás UTB as persoas que formen parte dun estudo de contactos dun colectivo escolar ou laboral e dispoñan de seguros sanitarios privados, sen prexuízo de que se lle poidan trasladar os gastos derivados ás devanditas aseguradoras cando así proceda.

 

Nas UTB garantirase o diagnóstico, tratamento e seguimento dos infectados ou enfermos de tuberculose ata constatar a súa curación. Ademais, estas unidades comunicarán o caso -a través dos traballadores sociais do Programa- aos servizos de Admisión, que abrirán un número de historia clínica para facilitar a continuidade da atención.

 

Propagación da infección

A tuberculose é unha enfermidade causada polo Mycobacterium tuberculosis, bacilo que se propaga dunha persoa a outra a través do aire. A doenza xeralmente afecta aos pulmóns, pero tamén pode atacar outras partes do corpo, como os ganglios linfáticos, o cerebro, os riles, a columna vertebral, etc.

 

Cando unha persoa con enfermidade tuberculosa contaxiosa tuse ou esbirra, expulsa ao aire núcleos de gotiñas que conteñen o Mycobacterium tuberculosis. Se outra persoa inhala o aire que transporta estes núcleos de gotiñas, pode adquirir a infección; non obstante, non todas as persoas infectadas polos bacilos da tuberculose enferman.

 

Deste xeito, existen dous pasos sucesivos dentro do mesmo proceso: a infección tuberculosa e a enfermidade tuberculosa. A primeira detéctase mediante a proba cutánea da tuberculina: as persoas infectadas non teñen síntomas e non son contaxiosas, pero se non reciben un tratamento preventivo están a risco durante toda a súa vida de desenvolver a doenza.

 

No que atinxe á enfermidade tuberculosa, habitualmente as persoas que a desenvolven teñen síntomas, poden ser contaxiosas e poden transmitir os bacilos a outras persoas. Precisan un tratamento prolongado con varios fármacos, xeralmente de 6 meses de duración.

EnviarImprimir
MeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte con nosotros
rss