O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, durante a comida solidaria organizada este domingo en Baiona, agradeceu o labor da Asociación Española Contra o Cancro Val Miñor en canto ao investimento en acompañamento de pacientes e familiares e na investigación da enfermidade. Ao mesmo tempo, lembrou a recente presentación por parte da Xunta da Estratexia de Oncoloxía de Precisión que permitirá establecer decisións terapéuticas personalizadas, en función das características moleculares de cada tumor.
Neste sentido, Comesaña incidiu no valor da medicina personalizada conxuntamente coa difusión de hábitos de vida saudables que permitan a prevención do cancro. Ademais, no referente á detección precoz, Galicia é referente na extensión do cribado de cancro de mama a mulleres de 74 anos, na posta en marcha do cribado de cancro de cérvix en todas as áreas sanitarias e na chamada proactiva á participación no cribado de cancro colorrectal co envío de mostras de autotoma por carta á poboación diana.