O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE E A FISCALÍA COLABORAN PARA MELLORAR A INVESTIGACIÓN DOS EPISODIOS VIOLENTOS E A PROTECCIÓN DOS PROFESIONAIS DO SERGAS
EnviarImprimir
MeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas
» Axuda
11 09 2012

Santiago, 11 de setembro de 2012.- A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, e o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela García, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Fiscalía de Galicia, no que viñan traballando dende hai máis de un ano co obxectivo de mellorar a investigación de agresións contra os profesionais da sanidade publica galega. O obxectivo é garantir a protección destes profesionais coa realización de todas as actuacións encamiñadas á sanción destes casos, o que acadarase mediante a colaboración, cooperación e comunicación entre ambas institucións, cada unha delas no marco das atribucións que teñen legalmente asignadas.

 

Neste sentido, o acordo establece que o Sergas habilitará e implementará as canles e protocolos de actuación necesarios para informar e asesorar aos seus profesionais sobre os pasos a seguir no caso de sufrir unha agresión. Estes protocolos ofrecen ao profesional o apoio que necesite en caso de sufrir un episodio de violencia, dende o punto de vista asistencial, xurídico ou psicolóxico.

 

Protección aos profesionais

O Servizo Galego de Saúde debe asumir a plena protección dos seus profesionais e garantir a atención integral do persoal que resulte agredido durante o exercicio das súas funcións, habilitando os medios e recursos necesarios e apoiando toda iniciativa encamiñada a conseguir un entorno libre de violencia.

 

Pola súa banda, o fiscal competente incoará as oportunas dilixencias de investigación e acordará a súa remisión ao xulgado de instrución no caso de apreciarse indicios suficientes da existencia dunha acción criminal. 

 

O convenio recolle que o fiscal superior dará as instrucións oportunas para que cada un dos procedementos que se incoen sexa obxecto dun particular seguimento por parte dos fiscais. Neste sentido, estes terán en conta as circunstancias do desempeño efectivo da función pública sanitaria para dispensar a protección xurídica aos profesionais.

 

A prestación da atención sanitaria debe desenvolverse nun marco de respecto a profesionais e usuarios. Dadas as particulares características deste sector, as relacións entre ambos poden desembocar en situacións de violencia de diversa etioloxía con incidencia directa na saúde e seguridade do persoal implicado, así como na prestación do servizo.

 

No Servizo Galego de Saúde os episodios de agresión a profesionais sanitarios reducíronse nun 31% no primeiro semestre de 2012 en relación co mesmo período do ano anterior. Tamén diminuíu a gravidade dos incidentes, xa que as lesións que requiriron baixa médica baixaron dun 6% a un 4%. 

 

Resposta axeitada aos incidentes

Neste senso, asegurar aos profesionais que traballen nun ambiente máis seguro e garantirlles o apoio necesario no caso de padecer un incidente violento, dando resposta adecuada a ese incidente, redundará nunha mellora na calidade da asistencia que se presta nos centros sanitarios.

 

As actuacións do Servizo Galego de Saúde en materia de violencia sanitaria teñen que ir encamiñadas sobre todo á prevención dos episodios e a facilitar que a relación profesional paciente se leve a cabo nun ambiente de cordialidade e respecto, promovendo cambios organizativos, mellorando a información e realizando unha labor de concienciación, pero tamén apoiando ao profesional que é vítima destes episodios.

 

Neste senso, só o 14% dos profesionais presentaron denuncia polos episodios de violencia sufridos no primeiro semestre do ano 2012. A administración sanitaria debe garantir que esta baixa taxa de denuncia responda á vontade do propio profesional, e non a unha falta de información, de asesoramento ou de complexidade dos trámites a realizar polo mesmo.

 

A colaboración entre institucións é unha das liñas de actuación definidas pola Consellería de Sanidade para facer fronte a este problema que afecta a todas as organizacións e, en gran medida, ás do ámbito sanitario. Xa se realizaron actuacións de colaboración ca USC e hoxe fírmase este convenio ca fiscalía da Comunidade

Autónoma. Tamén se está a traballar cas forzas de seguridade do Estado a través da Delegación do Goberno para mellorar procedementos internos e reforzar a seguridade de todos os centros.

EnviarImprimir
MeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss