A XUNTA, O TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA E A DELEGACIÓN DO GOBERNO ESTABLECEN UN PROTOCOLO PARA O TRASLADO E INTERNAMENTO URXENTE DE PERSOAS CON ENFERMIDADE MENTAL
EnviarImprimir
MeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas
» Axuda
17 09 2012

Santiago, 17 de setembro de 2012.- A  conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde, Rocío Mosquera; o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; e o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, asinaron hoxe, entre estas institucións, un protocolo para o traslado e internamento non voluntario urxente de persoas con enfermidade mental. Este protocolo, no que a Consellería de Sanidade leva traballando os dous últimos anos, substitúe ao posto en marcha no ano 2004.

 

Así, considérase traslado e ingreso non voluntario urxente aquel que, segundo criterio médico, resulte necesario realizar de inmediato para a atención dun paciente afectado por un trastorno ou enfermidade mental que altere a súa capacidade de discernimento, non se atope en condicións de outorgar o seu consentimento e/ou lle produza un efecto incapacitante.

 

Actualmente, o 061 é o que centraliza as solicitudes de asistencia sanitaria urxente por patoloxía psiquiátrica realizada por calquera cidadán que se atope na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Os propios pacientes, familiares, sanitarios, forzas e corpos de seguridade e mesmo calquera cidadán que sospeite a presenza de dita patoloxía nun terceiro, poderán solicitar o seu traslado ou ingreso. Doutra banda, os facultativos de Atención Primaria, o profesional que asista ao paciente como responsable do seu tratamento e atención sanitaria, así como un facultativo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, poderán instar o traslado e ingreso non voluntario urxente.

 

Protocolo de actuación

Estes profesionais sanitarios poderán pedir o traslado e ingreso non voluntario seguindo un procedemento, sempre segundo criterios médicos, dunha persoa afectada por un trastorno ou enfermidade mental que se atope nunha situación na que exista perigo ou grave risco para a súa saúde ou integridade física, ou para a de terceiras persoas.

 

Este procedemento establece que aquel facultativo ou persoa que teña noticia dunha situación coma esta deberá chamar á Fundación Urxencias Sanitarias-061 e facilitarlle os datos necesarios para analizar a demanda e proceder, dentro das súas posibilidades, á asignación dos recursos e respostas que requira a situación.

 

No caso de que a chamada non proceda dun facultativo, procederase á avaliación médica da situación por parte dun médico coordinador do 061 e á asignación dos medios precisos cando sexan necesarios para o traslado do paciente e dos posibles afectados ao hospital ou centro de referencia.

 

Doutra banda, se o solicitante é un facultativo que xa ten valorado ao paciente, deberá facilitar o correspondente parte médico xunto coa indicación da necesidade de xeito urxente.

 

Desta forma, unha vez ingresado no centro de referencia, o paciente será examinado por un ou varios especialistas que determinarán o tratamento axeitado ao seu estado e emitirán o correspondente informe para os efectos da ratificación xudicial á que se refire o artigo 14.2 b) da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, en relación co disposto no artigo 763 da Lei de axuizamento civil.

 

Inmobilización e entrada no domicilio

Ademais, os profesionais anteriormente citados, sempre que a situación así o requira ou o afectado opoña resistencia ao seu traslado, poderán solicitar a colaboración dos Corpos e Forzas de Seguridade co fin de que o persoal sanitario poda desenvolver a súa tarefa. Así, os efectivos poderán proceder á inmobilización do afectado cando sexa indispensable para salvagardar a integridade física deste ou de terceiras persoas.

 

Tamén poderán recorrer a estes efectivos, a través do 061, cando sexa preciso entrar no domicilio ou habitación da persoa afectada en contra da súa vontade.

 

Os Corpos e Forzas de Seguridade asistirán e apoiarán ao equipo sanitario no traxecto ata o centro de referencia, se así o estima oportuno o facultativo, co fin de garantir que se produce nas condicións de seguridade necesarias tanto para o paciente como para os profesionais sanitarios.

 

Este protocolo de actuación enmárcase dentro da Estratexia Sergas 2014, que inclúe como unha das liñas estratéxicas a atención a colectivos específicos –anciáns, nenos, muller e saúde mental- que necesitan unha atención diferenciada, introducindo no sistema a sensibilidade ante as diferentes necesidades.

EnviarImprimir
MeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss