O CHUO CONVIDA A PARTICIPAR NUNHA ANDAINA SOLIDARIA PARA RECADAR FONDOS PARA A FUNDACIÓN ANDREA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 05 2024

Os servizos de Humanización e de Pediatría do Hospital Universitario de Ourense organizan a quinta edición da súa andaina solidaria, na que o diñeiro recadado irá destinado integramente á Fundación Andrea, de apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais. Grazas a estes fondos a Fundación Andrea ven de financiar varios proxectos de humanización das áreas e zonas comúns de Pediatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras durante os últimos anos. 

Esta será a quinta edición dunha andaina que se desenvolverá o sábado 11 de maio polo Concello de Taboadela. A saída será ás 10.30 horas no local social da Rabeda, que acollerá tamén a chegada e a comida posterior, que será servida en colaboración coa sección de cociña do Hospital de Ourense. Será un roteiro circular de dez quilómetros na que haberá puntos de avituallamiento coa colaboración das cafeterías Apetéceme do centro hospitalario.

O prezo da inscrición é de 10 euros e para apuntarse tan só é necesario facer unha transferencia á conta da Fundación Andrea (ES64 2100 4876 032200044308) poñendo nome, apelidos e DNI. No concepto debe aparecer ASOU (Área Sanitaria Ourense). Aqueles que queiran colaborar pero non ir á andaina, poden achegar a cantidade que queiran indicando Dorsal 0 no concepto.

A presentación da andaia contou coa presenza do xerente da área sanitaria, Félix Rubial; a Presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, a coordinadora de proxectos da Fundación Andrea Amaya Castro; o alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, a profesora da escola infantil do CHUO, Vanessa González; a supervisora de enfermería de Pediatría, Montse Padrón; o xefe da sección de cociña, Antonio Pazos; a xefa do servizo de Humanización, Belén Piñeiro, así como representantes das cafeterías Apetéceme do Hospital de Ourense.

O labor da Fundación Andrea

A Fundación Andrea é una entidade sen ánimo de lucro que basea a súa actuación en tres grandes piares: axudas para estancias das familias desprazadas pola enfermidade grave do seu fillo, dulcificación de espazos pediátricos hospitalarios e proxectos de axuda familiar e apoio psicolóxico.

Acompañar a un fillo afectado por unha enfermidade grave que implique un longo período de hospitalización, cando ademais non se dispón de domicilio nin apoio familiar na cidade na que o neno está ingresado, pode supoñer para os pais un esforzo tanto vital como económico moi complicado de asumir. 

Como centro de referencia de enfermidades pediátricas, o CHUS recibe a familias desprazadas desde outras provincias para ingresos que en moitas ocasións implican unha longa estancia hospitalaria. As Casiñas da Fundación Andrea ofrécense aos pais destes nenos desprazados a Santiago, como unha vivenda temporal da que dispoñen plenamente durante todo o tempo que dura a hospitalización dos seus fillos, garantindo o seu descanso, aseo e manutención nunha contorna acolledora o máis parecido posible a un fogar.

O segundo piar ten como obxectivo facer máis agradable e levadeira a estancia nos hospitais aos nenos ingresados e ás súas familias, polo que a Fundación impulsa proxectos de dulcificación de espazos de uso pediátrico hospitalario. A Fundación realizou varias intervencións de humanización nas salas de espera e salas de estar pediátricas no Hospital Universitario de Ourense e actualmente está a actuar no Hospital Público de Verín nun novo proxecto de humanización.

En terceiro termo a Fundación facilita e sufraga a asistencia a sesións de terapia familiar e de apoio psicolóxico individual en distintos centros de psicoterapia privados, para nenos afectados por enfermidades de longa duración, crónicas e terminais e para os seus pais, pretendendo proporcionarlles a través destas sesións uns recursos emocionais que lles permitan soportar circunstancias desestabilizadoras, dun modo máis positivo.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde