O SERGAS ABRE O PRAZO DE ELECCIÓN DE DESTINO PARA PRETO DE 300 PROFESIONAIS DAS CATEGORÍAS DE TÉCNICA EN COIDADOS AUXILIARES DE ENFERMERÍA E PERSOAL DE SERVIZO XERAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 05 2024

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe a relación definitiva de persoas seleccionadas no proceso selectivo de estabilización por concurso de méritos das categorías de técnica en coidados auxiliares de enfermería (TCAE) e persoal de servizo xerais (PSX) e o Servizo Galego de Saúde abre un prazo de dez días hábiles a partir de mañá para a elección telemática de destino.

En concreto, 276 profesionais da categoría TCAE poden escoller praza no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (70), no hospital Virxe da Xunqueira (1), no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (9), no  Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (46), no hospital da Barbanza (2), no  Complexo Hospitalario Universitario de Lugo (10), no hospital da Mariña (3), no  Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (32), no hospital de Valdeorras (5), no hospital de Verín (3), no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (22), no hospital do Salnés (5) e no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (67). Do total de persoas seleccionadas, 253  accederon pola quenda de acceso libre e 23 pola de discapacidade xeral.

Segundo recolle a resolución do Sergas, unha aspirante seleccionada atópase en situación de incapacidade permanente total para a profesión habitual e, polo tanto, suspéndese a súa participación no proceso ata a revisión, dada a previsión de recuperación da capacidade funcional.

Na categoría de PSX, ofértanse 17 prazas en centros de saúde das áreas sanitarias da Coruña e Cee (7), de Ferrol (1), de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos (2), de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (4), de Vigo (2) e de Pontevedra e O Salnés (1). Neste proceso resultan 15 persoas que accederon pola quenda de acceso libre e 2 pola de discapacidade xeral. 

O 93,2 % das persoas participantes neste proceso selectivo son mulleres.

Estas 294 prazas engádense ás 985 ofertadas mediante o sistema de concurso-oposición para estas dúas categorías de persoal estatutario, correspondendo 196 a PSX e 789 a TCAE. En ámbolos dous casos, o exame da fase de oposición foi realizado o pasado mes de novembro e xa foron publicadas en febreiro as puntuacións definitivas da fase de oposición.

Elección telemática de destino

A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme ás bases de procedemento publicadas no DOG do 5 de xuño de 2020. A aplicación informática fará visibles todas as prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información á persoa aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, segundo a quenda de participación e a puntuación acadada. A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.

Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito da cidadanía de relacionarse electronicamente coas Administracións Públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento das persoas aspirantes á sede do órgano convocante como acontecía coa modalidade presencial.

As persoas aspirantes seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde