A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E O O CENTRO COMERCIAL GRAN VÍA PROMOVERÁN DURANTE A PRESENTE SEMANA UNHA CAMPAÑA ESPECIAL DE DOAZÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 05 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e  Sangue (ADOS) e o Centro Comercial Gran Vía promoverán os días 8, 9, 10 e 11 de maio unha campaña especial de doazón, na que todos os doantes recibirán unha entrada de cine, como agasallo facilitado pola superficie comercial viguesa.

O Centro Comercial Gran Vía promove nunha nova oportunidade unha iniciativa destinada a sensibilizar e promover o solidario xesto da doazón de sangue nas súas instalacións, co obxectivo de incentivar a participación do maior número de traballadores e traballadoras, usuarios e usuarias. 

Ademais, en lugar de desprazar unha unidade móbil, ADOS habilitará un espazo de doazón no aparcadoiro na cuberta axardinada que se atopa na zona de acceso do elevador aos cines. Deste xeito, todas as persoas que desexen doar poderán facelo coa máxima comodidade e nun horario amplo, xa que entre os días 8 e 10 de maio, os profesionais da Axencia atenderá aos potenciais doantes das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas e o sábado 11 poderase doar das 10:00 ás 14:30 horas.

Fomento da solidariedade

A dirección de ADOS destaca a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para lograr unha conciencia solidaria proclive á doazón como, neste caso, está a impulsar o Centro Comercial Gran Vía de Vigo, xa que unha campaña desta envergadura esixe dun importante esforzo organizativo. Desde a Axencia amosar ao Centro Comercial Gran Vía o noso sincero agradecemento pola súa inestimable colaboración e compromiso.

A Axencia ten visitado desde o ano 2008, en seis ocasións as instalacións desta superficie comercial viguesa, acadando, no transcurso destas visitas, un total de 375 doazóns de sangue, das cales o 27% (103 doantes) correspóndense con persoas que doaban sangue por vez primeira.

Obxectivo de sensibilización

Esta campaña pretender incrementar a sensibilización social a prol da doazón de sangue en Vigo, cidade que, con 12.741 doazóns, foi a urbe galega con maior volume de doazóns no pasado 2023. Vigo situouse nunha taxa de 43 doazóns de sangue por cada 1.000 habitantes e ano.

A cidade de Vigo atopase dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) no que atangue á doazón de sangue, pero faise preciso continuar traballando para aumentar a participación de todos os colectivos e animar a todas aquelas persoas que aínda non teñen doado sangue, a que o fagan. 

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud