COMEZA UN PROGRAMA DE EXERCICIO FÍSICO ESPECÍFICO PARA MAIORES DE 70 ANOS NO CENTRO DE SAÚDE DE NARÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 05 2024

​Profesionais de Enfermaría do centro de saúde de Narón organizan un ciclo de actividades de exercicio físico para os maiores de 70 anos adscritos ó seu centro de saúde. Pódese anotar calquera persoa do centro de saúde de Narón, que responda a una serie de criterios, e tras falar coa súa profesional de Enfermaría de referencia na consulta. O obxectivo é reverter e atrasar o deterioro funcional promovendo un envellecemento activo e sen dependencia. Activábase xa esta iniciativa na mañá de onte cun grupo de 15 persoas xa seleccionadas polos profesionais de Enfermería, e coordinadas por Patricia Torres Álvarez, Montse Torrado Ares e César Castro Pita.

As e os sanitarios do centro de saúde parten de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) define a fraxilidade como: “O deterioro progresivo relacionado coa idade dos sistemas fisiolóxicos que provoca unha diminución das reservas da capacidade intrínseca, o que confire unha maior vulnerabilidade ós factores de estrés e aumenta o risco dunha serie de resultados sanitarios adversos”. Esta definición céntrase na funcionalidade, e non no diagnóstico de enfermidade, debido a que se recoñeceu como mellor preditor de eventos adversos como caídas, hospitalización, discapacidade e morte, explican. Ademais, afecta ó manexo de enfermidades crónicas e permite identificar grupos de alto risco de necesitar apoio social ou dependencia. A detección precoz e intervención sobre fraxilidade poden reverter e atrasar ese deterioro funcional. 

Por isto, establecen unha serie de obxectivos como contribuír a aumentar o nivel de actividade física da poboación maior de 70 anos; favorecer a formación dunha rede comunitaria; diminuír a soidade non desexada; concienciar sobre a importancia do exercicio físico para manter autonomía e unha boa calidade de vida; ou diminuír o risco de caídas en poboación de risco, entre outros.

Tres meses de actividades variadas

Trátase dun taller cunha duración de 3 meses. De forma alterna, realizaranse semanalmente andainas saudables con paseos dunha hora adaptados e próximos ó centro de saúde, liderados por catro enfermeiras que se atoparán ó principio e ó final do grupo como persoal de apoio e marcando a ruta. Tamén haberá talleres de exercicio multicompoñente empregando a ferramenta Vivifrail e a súa roda de exercicios en base ó perfil dos participantes, na aula de usos múltiples e educación sanitaria do centro sanitario naronés. A duración estimada das sesións será de 60 minutos e contará dunha duración aproximada de 12 sesións.

Establecéronse con antelación tanto as datas como os horarios; realizouse unha enquisa ós pacientes seleccionados para entrar a formar parte do grupo sobre o horario de preferencia (mañá ou tarde); e contactouse posteriormente con eles para realizar confirmación. Antes de iniciar as actividades como tal, realizouse unha sesión de presentación da actividade  en abril, para dar a coñecer a iniciativa e o funcionamento do grupo.

Nela coñecéronse as opinións dos participantes, creando un espazo onde poidan comunicarse e tecer rede, de feito hai un buzón de suxestións para a propia actividade; e propoñeranse diferentes actividades para fomentar o desenvolvemento de habilidades psicomotrices, favorecer o equilibro, a flexibilidade e a autonomía. 

Como apuntarse a esta iniciativa

A captación dos asistentes estase a realizar na consulta de enfermería de Atención Primaria, a aqueles pacientes que cumpran unha serie de criterios como, ademais de ser maior de 70 anos, que non teña patoloxía aguda no momento, e que responda a unha serie de escalas previas coas que se establece que esa actividade vai ser favorecedora para esa persoa. Con información a través da Enfermaría e de carteis no centro, deuse conta desta actividade e do xeito de participar nestes talleres. Na citada sesión de abril, explicóuselles o contido e metodoloxía dos mesmos, e xa deu comezo onte o primeiro dos grupos. 

Tódolos pacientes que se queiran sumar a esta iniciativa serán anotados nunha listaxe, e iranse realizando grupos de entre 12 e 15 participantes, e, progresivamente, serán avisados para se incorporar no grupo por vía telefónica. Isto é, reproducirase a dinámica que se fixo con este primeiro grupo, xa completo, e cos seus tres meses de programa de exercicio por diante. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde