​A XUNTA PUBLICA A RELACIÓN DEFINITIVA DE ADMITIDOS NO CONCURSO PARA O ACCESO Á CONDICIÓN DE PERSOAL ESTATUTARIO FIXO DE ENFERMEIRO ESPECIALISTA EN SAÚDE MENTAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 05 2024
 

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde que recolle a relación definitiva dos aspirantes admitidos e excluídos no proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental, así como o nomeamento do tribunal cualificador do proceso.

En total, ofértanse 94 prazas mediante o sistema de concurso, das cales 65 corresponden á quenda de acceso libre, 24 a promoción interna e 5 a discapacidade xeral.

Estas 94 prazas engádense ás 31 prazas ofertadas no proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición (exame realizado o pasado mes de febreiro) e ás 2 prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos.

Neste proceso selectivo foron admitidos 135 aspirantes, dos cales 128 participan pola quenda de acceso libre, 3 pola de discapacidade xeral e 4 pola quenda de promoción interna. 

Dado que as prazas ofertadas a promoción interna son 24 e o número de aspirantes admitidos nesta quenda é de 4, as 20 prazas restantes engádense á quenda de libre, co que se adxudicarán a esta quenda un total de 85 prazas.

Este proceso selectivo convocouse en aplicación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega. 

As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos, indicando o motivo de exclusión, atópanse publicadas, á disposición dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal. 

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de recurso.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde