O SERGAS PUBLICA O LUGAR, DATA E HORA DE REALIZACIÓN DOS EXERCICIOS DA OPOSICIÓN PARA O INGRESO EN DIVERSAS CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 01 2024

O Diario Oficial de Galicia​ publica, na súa edición de hoxe, o lugar, data e hora de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías de persoal licenciado sanitario, persoal sanitario non facultativo e persoal de xestión e servizos, que se celebrarán no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, os días 3, 4 e 10 de febreiro.

Ofértanse, mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 913 prazas para diversas categorías de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia, das cales 17 prazas corresponden á categoría de odontólogo de atención primaria (8 pola quenda de acceso libre, 8 de promoción interna e 1 de discapacidade xeral), 46 á categoría de enfermeiro especialista en obstetricia-xinecoloxía (22 pola quenda de acceso libre, 22 de promoción interna e 2 de discapacidade xeral), 31 á categoría de enfermeiro especialista en saúde mental (15 pola quenda de acceso libre, 14 de promoción interna e 2 de discapacidade xeral), 61 á categoría de enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria  (26 pola quenda de acceso libre, 31 de promoción interna e 4 de discapacidade xeral), e  32 prazas á categoría de enfermeiro especialista en enfermería pediátrica (14 pola quenda de acceso libre, 16 de promoción interna e 2 de discapacidade xeral).

Tamén ofértanse 70 prazas á categoría de fisioterapeuta (35 pola quenda de acceso libre, 31 de promoción interna e 4 de discapacidade xeral), 6 á categoría de terapeuta ocupacional (3 pola quenda de acceso libre e 3 de promoción interna), 2 prazas pola quenda de acceso libre á categoría de técnico superior en hixiene bucodental, e 12 á categoría de técnico superior en imaxe para o diagnóstico (11 pola quenda de acceso libre e 1 pola de discapacidade xeral).

Igualmente, ofertáse unha praza pola quenda de acceso libre á categoría de técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, unha praza igualmente por esta quenda de acceso á categoría de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, 10 á categoría de enxeñeiro técnico  (4 pola quenda de acceso libre, 5 de promoción interna e 1 de discapacidade xeral), 318 ao grupo auxiliar da función administrativa (164 pola quenda de acceso libre, 132 de promoción interna e 22 de discapacidade xeral) e 306 prazas corresponden á categoría de celador (161 pola quenda de acceso libre, 110 de promoción interna, 20 de discapacidade xeral e 15 reservadas a persoas que acrediten discapacidade intelectual). 

Estas 923 prazas que están convocadas engádense ás 1.556 ofertadas na categoría de enfermería, da que xa se realizou o exame da fase de oposición o 25 xuño, ás 789 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería e ás 196 da categoría de persoal de servizos xerais, ambas categorías realizaron o exame o 4 e 5 de novembro. 

Resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 20.515 aspirantes nas categorías a examinarse este mes de febreiro, 18.343 pola quenda de acceso libre, 593 pola quenda de promoción interna, 1.431 pola quenda de discapacidade xeral e 148 pola quenda de discapacidade intelectual  na categoría de celador.

As categorías con maior número de aspirantes admitidos son: celador (8.300), seguido do grupo auxiliar da función administrativa (7.790) e fisioterapeuta (1.109). As categorías con menor número de aspirantes son as categorías de técnico superior e de xestión de sistemas e tecnoloxías da información. 

En canto ás persoas definitivamente admitidas por estamentos que realizarán o exame este mes de febreiro, resultan os seguintes datos: 248 corresponden a persoal licenciado sanitario, neste caso, só a categoría de odontólogo vaise examinar en febreiro, o resto de categorías de persoal licenciado sanitario examinaranse durante o mes de marzo, 3.956 aspirantes son persoal sanitario diplomado e de FP e 16.272 persoas admitidas corresponden ao estamento de persoal de xestión e servizos.

Un 10,85 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas deste exercicio, por non estar en posesión do correspondente Celga ou certificado acreditativo do coñecemento do idioma galego requirido para cada categoría.

Todas as probas selectivas realizaranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra) os días 3, 4 e 10 de febreiro. 

- O sábado 3 de febreiro, ás 9 horas, examinaranse 1.618 persoas que corresponden ás categorías de enfermeiro especialista en enfermaría obstétrico-xinecolóxica, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, técnico xestión de sistemas e tecnoloxías da información e terapeuta ocupacional. 

- O sábado 3 de febreiro, ás 16 horas, examinaranse as 7.790 persoas admitidas na categoría do grupo auxiliar da función administrativa. 

- O domingo 4 de febreiro, ás 9 horas, examinaranse 669 aspirantes que corresponden ás categorías de enxeñeiro técnico, enfermeiro especialista en enfermaría pediátrica, enfermeiro especialista en enfermaría de saúde mental e odontólogo de atención primaria. 

- O domingo 4 de febreiro, ás 16 horas examinaranse as 8.300 persoas admitidas na categoría de celador polas diferentes quendas de acceso (libre, promoción interna, discapacidade xeral e discapacidade intelectual). 

- O sábado 10 de febreiro, ás 9 horas, examinaranse 2.138 persoas que corresponden as categorías de enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria, fisioterapeuta, técnico superior en hixiene bucodental e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información. 

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

Protocolo das medidas organizativas no desenvolvemento das probas:

• Non se realiza o chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas posto que acceden con QR.

    • A acreditación para o acceso efectuarase a través de código QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e e que deberá levar impreso o día do exame e conservar ata a finalización das probas. O código QR conterá información da data, hora, lugar, pavillón, porta de acceso e posto do exame que corresponde a cada aspirante, ademais de incluír indicacións xerais a ter contar para o acceso dos aspirantes e no desenvolvemento das probas.

    • Todos os aspirantes presentados ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios.

Aspirantes xestantes e lactación

As aspirantes que desexen exercer o dereito de lactación terán a súa disposición unha sala habilitada para tal fin no exterior do recinto acondicionada con microondas, cambiador, etc. Tamén, se o precisa e solicita poderá realizar a lactación durante a realización dos exercicios. As aspirantes que precisen realizar dita lactación materna durante os tempos dos exames disporán de tempo e lugar acondicionado para a lactancia. Deberán solicitar a súa realización ao enderezo  oposiciones@sergas.es  antes do 25 de xaneiro, salvo nos casos das aspirantes que sexan nais máis alá do prazo indicado. 

Neste último caso, así como no das profesionais en situación de embarazo que poidan estar ingresadas o mesmo día do exame e desexen acollerse ao previsto no punto 8.1.7 das bases das convocatorias (exame nos hospitais), deberán poñerse en contacto coa dirección de oposiciones@sergas.es para que lle informen do procedemento.

Redución da taxa de temporalidade 

Nestes procesos de concurso-oposición inclúense prazas da oferta ordinaria dos anos 2019 a 2022 e tamén da oferta de estabilización do persoal temporal aprobadas polo Decreto 81/2022, do 25 de maio, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, coa finalidade de reducir a temporalidade no emprego por debaixo do 8%.

Os seguintes exames para persoal médico e facultativo especialista de hospitais e 061 están previstos para o mes de marzo. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud