O SERGAS PUBLICA AS PUNTUACIÓNS PROVISIONAIS DA FASE DE OPOSICIÓN PARA O INGRESO NAS CATEGORÍAS DE PERSOAL DE SERVIZOS XERAIS E TÉCNICO EN COIDADOS AUXILIARES DE ENFERMERÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 01 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais (PSX) e técnico en coidados auxiliares de enfermería (TCAE), dos exames de oposición que se celebraron no pasado mes de novembro. Ás probas, tíñanse presentado 13.162 persoas, das que 4.783 se correspondían á categoría de PSX e 8.379 á categoría de TCAE. 

Neste proceso, ofértanse, mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 196 prazas para a categoría de persoal de servizos xerais, das cales 76 corresponden á quenda de acceso libre, 97 a promoción interna, 9 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual e, por outro lado, 789 prazas para a categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería, das cales 337 corresponden á quenda de acceso libre, 395 a promoción interna, 43 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual.

Na categoría de PSX presentáronse un total de 4.718 persoas aspirantes pola quenda de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, das cales aprobaron a fase de oposición 3.643 persoas (o que supón unha porcentaxe de aprobadas do 77%). Pola quenda de discapacidade intelectual, presentáronse 65 persoas, resultando todas aprobadas. 

Na categoría de TCAE presentáronse un total de 8.365 persoas polas quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, resultando aprobadas 7.540 (o que supón unha porcentaxe de aprobadas dun 90%). Pola quenda de discapacidade intelectual,  presentáronse 14 persoas, das cales aprobaron 13. 

Na seguinte táboa recóllese o número de persoas presentadas e aprobadas por categoría:


CATEGORÍA

Nº aspirantes aprobados

TOTAL aspirantes presentados/as

Persoal de servizos xerais

3643

4718

Persoal de servizos xerais, quenda de discapacidade intelectual

65

65

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermería

7540

8365

Técnico en coidados auxiliares de enfermería, quenda de discapacidade intelectual

13

14

Total Resultado

11261

13162

O modelo definitivo de respostas publícase logo de analizar os tribunais as reclamacións presentadas polos aspirantes contra o modelo provisional. Este modelo, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación, así como as puntuacións provisionais obtidas polas persoas aspirantes presentadas aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). 

A resolución abre un prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación, para que as persoas interesadas poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida. 

As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

O Sergas habilita un enderezo de correo electrónico no que as persoas aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.

Próximas actuacións

Rematado o prazo de reclamación previsto na resolución, publicaranse no Diario Oficial de Galicia as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud