POSTA EN MARCHA DUNHA CONSULTA DE CARDIOLOXÍA DE ALTA RESOLUCIÓN NO HOSPITAL PÚBLICO DE CEE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 03 2024

Dentro da súa política de melloras para manter e  incrementar a calidade da asistencia que o Hospital Público de Cee presta á súa poboación de referencia, a partir de hoxe a súa carteira de servizos verase ampliada coa posta en marcha dunha consulta de cardioloxía de alta resolución.

Ata o de agora os pacientes do distrito sanitario de Cee víanse obrigados a trasladarse ás instalacións do Hospital Universitario da Coruña para realizar calquera contacto co servizo de cardioloxía: consultas, hospitalización, así como a realización da maioría das probas diagnósticas da especialidade.

Dende esta semana, os aproximadamente 37.000 habitantes do distrito sanitario de Cee disporán dunha consulta de cardioloxía de alta resolución no Hospital Público de Cee onde se realizarán os estudos iniciais da especialidade, así como a consulta médica, ou probas funcionais como a electrocardiografía e a ecocardiografía.

Inicialmente os facultativos especialistas en cardioloxía do Hospital Universitario da Coruña atenderán a realización de consultas e probas que se programarán de modo ambulatorio contando co apoio necesario do persoal de enfermería.

Para poder levar a cabo estas consultas foron adquiridos recentemente un electrocardiógrafo e un ecocardiógrafo, cos que se complementará a dotación de medios técnicos e diagnósticos dispoñibles necesarios para adaptarse aos estándares de calidade asistencial e necesidades da poboación.

Todas estas actuacións enmárcanse dentro do compromiso da Área Sanitaria da Coruña e Cee, así como os seus profesionais, cos procesos de mellora constante baseados na calidade, a accesibilidade e a innovación na prestación de servizos sanitarios.

O enfoque integral da asistencia sanitaria fai posible o desenvolvemento de novas estratexias que dean resposta de maneira proactiva aos desafíos emerxentes e cumpran coas expectativas de coidado e benestar que a poboación da nosa contorna deposita no seu sistema sanitario.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud