A PLATAFORMA DO SERGAS TELEA PARA O SEGUIMENTO DE PACIENTES CRÓNICOS, REFERENTE A NIVEL EUROPEO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 03 2024

O Servizo Galego de Saúde, xunto coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), acudiu estes días en Varsovia, para apoiar a implantación do modelo de telemonitorización galego (TELEA) en rexións europeas de Suecia e Italia. A delegación galega estivo encabezada polo subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación do Sergas, Alfonso Alonso Fachado.

O departamento sanitario galego participou na reunión da Acción Conxunta CIRCE-JA, para a transferencia de modelo de telemedicina galego (TELEA), que foi seleccionado pola Unión Europea como unha boa práctica para a atención primaria. Dentro destas xornadas que se celebraron onte e hoxe, os equipos do Sergas e ACIS traballaron xunto cos países de Suecia e Italia para colaborar na implantación dos seus modelos de telemedicina nestas rexións europeas. 

Os traballos consistirán na avaliación do estado de implantación da telemedicina nas rexións europeas e o apoio de Galicia como propietario desta boa práctica. 

Esta reunión continuarase cunha próxima xuntanza no mes de abril, na que representantes das rexións de Suecia e Italia desprazaranse a Galicia para coñecer o modelo do Sergas de telemonitorización con Telea.

Seguimento de pacientes no seu domicilio

TELEA é a plataforma de telemonitorización do Sergas para o seguimento dos pacientes no domicilio e emprega as tecnoloxías da comunicación para manter en contacto aos profesionais sanitarios e aos seus doentes, facilitando a monitoraxe do seu estado de saúde, sen necesidade de desprazamentos ao seu centro de saúde. 

Este sistema de telemonitorización foi fundamental durante os últimos anos para o seguimento da pandemia da covid. O obxectivo é a mellora da calidade de vida dos enfermos a través dun seguimento estreito encamiñado a detectar con axilidade descompensacións nos indicadores de saúde. 

Telea foi escollida, no ano 2021, como unha boa práctica en atención primaria pola Comisión Europea, no seo da convocatoria pública en que os países membros da Unión Europea presentaron distintas experiencias. 

Deste xeito, a telemonitorización galega colócase como modelo de implementación no ámbito da telemedicina en atención primaria no conxunto da Unión Europea. Nunha primeira fase, será transferida a Suecia e Italia, para o que se organizan reunións conxuntas e visitas de traballo durante os vindeiros anos.

Respecto do seguimento de pacientes crónicos a través da plataforma TELEA, esta modalidade asistencial atópase en continuo crecemento e evolución, de maneira que o número de doentes incluídos triplicouse entre o ano 2022 e 2023. Ao respecto, no que atinxe aos procesos iniciados en 2023 e no que vai do ano actual, superan xa os 4.600 pacientes crónicos a seguimento diario, que supuxeron preto de 7 millóns de biomedidas rexistradas. Esta monitorización fai referencia a protocolos en materia de diálise domiciliaria, control da diabetes, da EPOC, da hipertensión arterial, de coidados paliativos no caso de hospitalización a domicilio, insuficiencia cardíaca, etc.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud