O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, transmitiu a súa “ilusión” no seu acto de presentación desta mañá no edificio administrativo do Sergas despois de ter tomado posesión como membro do Goberno galego.
“Estarei aberto a escoitar a quen queira aportar no meu compromiso cunha sanidade pública de calidade”, trasladou Caamaño ante persoal da Consellería, os xerentes das sete áreas sanitarias do Sergas, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, presidentes de colexios profesionais, o director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o seu predecesor no cargo, Julio García Comesaña, entre outras autoridades.
“Veño do ámbito asistencial e quero poñer o paciente no centro do sistema. E para coidar os pacientes hai que coidar tamén a quen coida ao paciente”, sinalou o conselleiro de Sanidade antes de referirse aos profesionais do Servizo Galego de Saúde.
Por último, Antonio Gómez Caamaño agradeceu o traballo do seu antecesor e insistiu na motivación coa que toma a responsabilidade da Consellería de Sanidade: “Podemos mellorar. E se podemos, debemos mellorar”.