A Xerencia de Santiago presenta o Plan de Continxencia para garantir a adecuada organización de medios e atención asistencial na campaña da gripe
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
26 10 2018
  • Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá no hospital Clínico tanto a xerente, Eloína Núñez, como os xefes dos servizos participaron na elaboración do plan de continxencia, fixeron fincapé na necesidade de que se vacine a poboación diana, persoas de 65 ou máis anos e as pertencentes a grupos de risco.

 

Santiago, 26 de outubro de 2018.- Máis de 11.300 usuarios da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago vacináronse contra a gripe nos primeiros 4 días de campaña, nalgún dos 76 puntos de vacinación de atención primaria da área. Destes, uns 8.000 son pacientes de 65 ou máis anos. E con respecto á cobertura entre persoal sanitario, xa se levan vacinados máis de 500 profesionais.

Estes datos fixéronse públicos hoxe nunha rolda de prensa celebrada no Hospital Clínico Universitario na que a xerente da área compostelá, Eloína Núñez, presentou o plan de continxencia da Gripe, e o fixo acompañada dos xefes dos servizos que participaron na elaboración do mesmo.

A exposición do plan realizouna Teresa Queiro, Xefa do servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da XXIS.

A doutora Queiro explicou que o obxectivo do plan é " garantir a adecuada organización de medios e atención asistencial nos centros da XXIS". Para iso proponse priorizar a atención destes doentes con sospeita de gripe en Atención Primaria para evitar os desprazamentos a urxencias ou previr picos de demandas nos diferentes dispositivos asistenciais. Asemade, o plan contempla habilitar áreas específicas para a atención destes doentes nas urxencias hospitalarias e a valoración diaria da dispoñibilidade de camas, como principais medidas.

A xerente da XXIS, Eloína Núñez, aproveitou a súa intervención para facer un chamamento á vacinación: “Temos que ser conscientes da importancia deste acto que busca previr, reducir o número de afectados e a gravidade das complicacións derivadas da gripe”. Tamén recordou que “calquera persoa ante calquera síntoma de gripe debe acudir ao centro de saúde, consultar ao seu médico de cabeceira ou ben chamar ao 061”. A xerente dixo que o “92% da urxencia de primaria resólvese no centro de sáude, é dicir, só u n 8% é derivado ao hospital”.

A XXIS ten previsto vacinar a máis de 85.000 cidadáns de toda a área compostelá, dos que preto de 65.000 se prevé que sexan persoas de 65 ou máis anos. Son estimacións que se fan con respecto á cobertura do ano 2017.

A poboación diana é aquela de 60 ou máis anos de idade; embarazadas; persoas pertencentes a grupos de risco: aquelas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endrocrinas, persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, persoas con obesidade mórbida, con disfunción cognitiva…Tamén persoas con posibilidade de transmisión a grupos de risco entre os que se atopa o persoal sanitario e traballadores esenciais para a comunidade.


 



 

Saúdos

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss