A Xerencia sanitaria compostelá presenta o plan de continxencia da gripe para a tempada 2019-2020
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 10 2019
 

Santiago, 4 de outubro de 2019.- Xerencia e profesionais da área sanitaria compostelá presentaron esta mañá ante os medios de comunicación o Plan de Continxencia da Gripe para a Tempada 2019/2020, no que se determinan as actuacións previstas na xerencia compostelá para garantir a axeitada organización de medios e a atención asistencial á súa poboación durante a época da gripe.

 Dito plan ten un marcado carácter multidisciplinar, xa que foi elaborado entre a dirección asistencial e os responsables dos servizos de Urxencias, Medicina Preventiva, Medicina Interna, Pneumoloxía, Atención Primaria, Pediatría, Microbioloxía e Admisión, tanto por persoal facultativo como de enfermería.

Esta mañá a xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez, presentou aos medios de comunicación este plan acompañada polo director de Procesos, Alfonso Varela, a directora de Procesos con Ingreso, Eva San Luis, a directora de Procesos Asistenciais de Enfermería, Victoria Carral, a subdirectora de Procesos Asistenciais de Enfermería, Montserrat Souto, a subdirectora de Procesos sen Ingresos e Urxencias, Begoña Cobas e os responsables dos servizos que participaron na elaboración do Plan de Continxencia.
O Plan destaca a necesidade de priorizar a asistencia da gripe nos dispositivos de Atención Primaria, evitar as consecuencias máis graves debidas á infección; atender os picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais; prestar a mellor asistencia aos doentes con gripe garantindo o normal funcionamento do resto do hospital; minimizar posibles brotes e contemplar os procedementos alternativos para dar resposta ao incremento da demanda.
Nel se definen os protocolos a seguir nos casos sospeitosos, tanto na atención primaria como na hospitalaria así como os criterios básicos de ingreso hospitalario. Tamén se especifican medidas organizativas para a axilización da asistencia cando o incremento de afluencia de pacientes o require, así como medidas de reforzo de persoal, habilitación de espazos específicos e acopio de material pertinente. Activaranse circuítos para axilización e notificación das altas hospitalarias, así como do procedemento de ingreso desde urxencias.
Campaña de vacinación
A campaña de vacinación da gripe comeza para a poboación galega o vindeiro 14 de outubro e estenderase este ano unha semana máis, ata o 27 de decembro nos 76 puntos de vacinación situados nos centros de saúde da área sanitaria compostelá. O persoal sanitario poderá vacinarse desde o 7 de outubro para así poder afrontar a campaña xa protexido.
A xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez, animou a que se vacinen todas as persoas nas que está recomendada xa que “a vacina antigripal ademais de evitar casos diminúe as complicacións, e polo tanto o risco de hospitalización e mesmo de morte”. Tamén lembrou á poboación que “ante os síntomas de gripe debe acudir ao centro de saúde para consultar co seu médico de Familia ou ben chamar ao 061” ao tempo que subliñou máis a alta capacidade de resolución dos Puntos de Atención Continuada en atención primaria, nos que dan solución a máis do 90% das consultas.
A campaña de vacinación vai dirixida ás persoas de 60 ou máis anos de idade; embarazadas e persoas pertencentes a grupos de risco: aquelas con patoloxías cardíacas, respiratorias, renais, endócrinas, persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, con obesidade mórbida ou con disfunción cognitiva, entre outras.
Na pasada tempada (2018/19) vacináronse o 58,16 % das persoas maiores de 65 anos da área sanitaria compostelá (62.696 vacinas) o que supuxo un 0,44% máis que na campaña anterior, situándose unhas décimas por debaixo da media galega. En total puxéronse 93.407 vacinas, incluído persoal sanitario e doentes de risco. No CHUS houbo 319 ingresos con gripe e no hospital da Barbanza 43.
A gripe
A gripe é unha enfermidade vírica, leve na maioría dos casos, e que pode cursar cos diferentes síntomas: febre igual ou maior a 38ºC nas fases iniciais, así como malestar xeral, dor de gorxa, tose, cefalea, dores musculares xeneralizadas, conxestión nasal, esbirros, vómitos e diarrea. O contaxio prodúcese de persoa a persoa a través das gotas de saliva e secrecións nasais que se expulsan ao falar, tusir ou esbirrar, así como de xeito indirecto ao tocar algún obxecto que estea contaminado polo virus da gripe.


 

saúdos

 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss