A XUNTA COMPLETA UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 7 MILLÓNS DE EUROS PARA APOIAR ESTE ANO A ENTIDADES SOCIAIS DE ASISTENCIA A PACIENTES CON TRASTORNOS ADICTIVOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 03 2023
 A Xunta de Galicia autorizou a sinatura de renovación de convenios de colaboración entre o Sergas e as Asociacións UTACA, ASVIDAL, Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra, As Burgas, e Proxecto Home, para o desenvolvemento da asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias aditivas, por un importe de 1.867.395 euros. Esta entidades atenden á poboación correspondente á área sanitaria na que están ubicados (Ferrol, A Coruña-Cee, Vigo e Ourense). Pola súa banda, as actividades que leva a cabo A Fundación Monte do Gozo ao abeiro deste convenio teñen un carácter autonómico e desenvolven varios programas.

Estes cinco convenios están destinados a prestar atención a persoas con trastornos relacionados co alcohol, tabaco e xogo, atendendo á planificación e criterios, guías e procedementos establecidos polo Sergas.

A autorización destes novos cinco convenios, por un valor total de 1,8 millóns de euros, súmase aos cinco autorizados no Consello da Xunta da semana pasada, por valor de 5,3 millóns, coa Asociación cidadá de loita contra a droga da Coruña (Aclad), a Asociación cidadá de loita contra a droga de Vigo (Alborada), a Asociación Ferrolá de drogodependencias (Asfedro), e a Asociación Cruz Vermella de Lugo, completando un investimento de máis de 7 millóns de euros en apoio mediante convenios ás entidades sociais dentro do marco do Plan de atención aos transtornos adictivos de Galicia durante este ano.

En concreto, o asinado co Asociación Unidade de Tratamento do Alcoholismo e Condutas Aditivas (UTACA) da Coruña, acada un importe de 227.098 euros, e ao abeiro do mesmo atendéronse o pasado ano 614 persoas.

O convenio que asina a Xunta coa Asociación Viguesa de Alcoholoxía (ASVIDAL), acada un importe de 233.875 euros, e ao abeiro do mesmo atendéronse o pasado ano un total de 1.783 persoas.

Polo que atinxe ao convenio coa Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra, o importe é de 131.885 euros, e as persoas que se atenderon no marco do mesmo o pasado foron 413.

A Asociación As Burgas de Ourense, para o tratamento e rehabilitación do enfermo alcohólico, asinará coa Xunta un convenio por importe de 208.062 euros, sendo 361 as persoas beneficiarias ao abeiro do mesmo.

O convenio do Goberno galego coa Fundación Monte do Gozo, emprazada en Santiago de Compostela, ten un importe de 1.066.475 euros, e grazas ao mesmo atendéronse o pasado ano 616 persoas con distintas necesidades e en diferentes programas.

Incremento do 5%

Sinalar que o financiamento que a Xunta vai dedicar este ano á atención ás adiccións dende equipos multidisciplinares é de preto de 12 millóns de euros. Esta cantidade supón un incremento do 5% respecto ao orzamento de 2022, que foi de 11,4 millóns.

En todos estes convenios, unha vez que se proceda á sinatura dos mesmos, e sempre que a actividade comezase previamente, as asociacións poderán solicitar pagamentos anticipados, que suporán entregas de fondos con carácter previo a súa xustificación por un importe de ata un máximo do 30% da contía total do convenio.

Remarcar, así mesmo, que na actualidade, as adiccións son consideradas como unha enfermidade que require un tratamento multidisciplinar e personalizado. Ante calquera problema relacionado coas adiccións, aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente ou ben solicitar axuda aos profesionais de atención primaria que avaliarán cada caso e derivarán ao centro que proceda.

Plan de Saúde Mental 2020-2024

O Plan de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha pola Xunta de Galicia contempla, entre os seus eixos de actuación, a colaboración e a participación de todo o tecido asociativo e das entidades especializadas en saúde mental. Isto traduciuse, por exemplo, en axudas para o financiamento de programas de entidades sociais relacionadas con pacientes con trastornos mentais.

O obxectivo do Plan é completar, a finais do vindeiro ano, un total de 241 novas contratacións de profesionais. Ao respecto, os orzamentos da Xunta para este ano son superiores en dez millóns de euros aos anteriores ao Plan, e o Goberno galego xa contratou a máis de 130 profesionais.

Así mesmo, o obxectivo da Xunta é que esas novas prazas se cubran de xeito estable, por iso impulsou unha Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura, na que incluiu as de primaria, as dos hospitais comarcais e as dos servizos de saúde mental, e, neste mesmo ano, vai poder cubrir por concurso de méritos máis de 170 prazas de psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especialista.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde