Santiago de
Compostela, 23 de maio de 2022.- A Área Sanitaria de Santiago de
Compostela e Barbanza celebrou esta mañá os tradicionais actos de acollida de
residentes e de despedida dos novos especialistas.
A xornada de acollida, que tivo lugar ás 9.30 horas no
Salón de Actos do Hospital Clínico, estivo presidida pola xerente da área
sanitaria compostelá, Eloína Núñez Masid, acompañada pola directora de
Enfermería da área sanitaria, Victoria Carral, o presidente da Comisión de Docencia do CHUS,
Rogelio Leira, o xefe de estudos da Unidade Docente de Medicina Familiar e
Comunitaria, Sergio Cinza e o Decano da Facultade de Medicina da USC, Julián
Álvarez.
A xerente, Eloína Núñez, deu as “grazas por ter
escollido a nosa área” e a benvida e os parabéns “nun día tan especial para
todos”. “Trátase dunha elección que marcará o voso futuro” engadiu. Lembroulles
aos novos residentes o importante que é no trato co paciente “non só curar,
senón tamén coidar, empatizar e escoitar, só así se obtén o diagnóstico
acertado e o mellor tratamento”.
En total son 117 os residentes que
comezaron xa esta mesma mañá a súa formación nalgún dos centros de saúde e
hospitais da área sanitaria: 96 que realizan a súa formación como médicos, 14
enfermeiras especialistas (2 en saúde mental, 2 en pediatría, 2 matronas e 8 en
enfermaría familiar e comunitaria), 2 farmacéuticos (un en Farmacia
Hospitalaria e outro en Microbioloxía), 1 biólogo (Análises Clínicas), 3
psicólogos (Psicoloxía Clínica) e 1 físico (Radiofísica Hospitalaria).
A especialidade médica que máis residentes
forma é Medicina de Familia con 40 facultativos residentes, e a que máis
incrementou o número de prazas respecto a anos anteriores (10 máis que o pasado
ano); seguidos de Pediatría con 6, Anestesioloxía e Reanimación con 4, 3
Cirurxía Xeral e Dixestiva, Psiquiatría e Radiodiagnóstico, 2 en Anatomía
Patolóxica, Cardioloxía, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Hematoloxía e
Hemoterapia, Medicina Interna, Neuroloxía
Xinecoloxía e Obstetricia e Oftalmoloxía.
O resto de especialidades incorporan 1 residente (Alergoloxía,
Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Aparato Dixestivo, Cirurxía Cardiovascular,
Cirurxía Pediátrica, Dermatoloxía, Endocrinoloxía e Nutrición, Medicina Física
e Rehabilitación, Medicina Intensiva, Medicina Nuclear, Medicina Preventiva,
Nefroloxía, Pneumoloxía, Neurocirurxía, Neurofisioloxía, Oncoloxía Médica,
Oncoloxía Radioterapia, Otorrinolaringoloxía, Psiquiatría infantoxuvenil,
Reumatoloxía e Uroloxía).
Por primeira vez o Clínico acolle un
residente de Psiquiatría Infantoxuvenil, único centro galego en formar nesta
especialidade, que ven de ser creada en España, e que este ano forma aos seus
primeiros 20 residentes en todo o territorio.
Acto de homenaxe aos residentes que
rematan a súa formación
Ao mediodía, na aula Magna do Edificio
Nóvoa Santos, tivo lugar o acto de despedida dos que completaron a súa
formación como residentes na Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. En total 57
médicos, amais de 7 especialistas en enfermería (4 familiar e comunitaria, 2
pediatría e 1 saúde mental) 3 farmacéuticos, un químico, un físico e un
psicólogo.
Á homenaxe tamén asistiron a xerente da
área sanitaria compostelá, Eloína Núñez Masid, acompañada pola directora de
Enfermería da área sanitaria, Victoria Carral, o presidente da Comisión de
Docencia do CHUS, Rogelio Leira, o xefe de estudos da Unidade Docente de
Medicina Familiar e Comunitaria, Sergio Cinza e o Decano da Facultade de
Medicina da USC, Julián Álvarez.
Todos eles felicitaron aos asistentes e
animáronos a seguir formándose na súa actividade asistencial pero tamén na
docencia e na investigación.
Eloína Núñez, que foi quen presidiu o
acto, agradeceulle aos residentes o seu labor nestes últimos anos: “Rematades
unha etapa apaixoante e comezades outra, que seguro seguirá implicando
compromiso e aprendizaxe continua”.
“Sodes unha xeración formada no transcurso
dunha pandemia inédita. A vosa experiencia, o voso paso polos hospitais e
centros de saúde fai que sexades especiais. Levaredes sempre con vós uns
recordos que contribuíron ao voso crecemento persoal e profesional” -engadiu a
xerente. Quen rematou desexándolles “moitos éxitos nas vosas vidas”.
Saúdos,