Santiago de
Compostela, 2 de agosto de 2023.- Con motivo da semana da
lactación materna (LM), que se celebra
do 1 ao 7 de agosto, os profesionais do Servizo de Neonatoloxía da Área
Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, recordan os beneficios do leite
materno, tales como, para os recén nados a termo, a mellora do desenvolvemento
inmunolóxico e neurolóxico, prevención de enfermidades metabólicas e
cardiovasculares, entre outras. De forma
especial, nos prematuros, diminúe o risco de enterocolite necrosante, unha das
principais causas de morbi-mortalidade neste grupo, e o tempo de estadía
hospitalaria.
Para salientar a importancia de aleitar aos bebés, os
profesionais e a asociación de pais de nenos prematuros, AGAPREM, participaron
nunha mostra de fotografías que se expoñen no propio servizo do Clínico.
Neonatoloxía
do Clínico conta co recoñecemento de IHAN (Iniciativa para a
Humanización da Asistencia ao Nacemento e á Lactación) en fase IID,
unha acreditación da OMS e UNICEF polo labor de promoción da LM.
Formando parte do servizo de Neonatoloxía, cuxa responsable é a doutora
María Luz Couce, atópase o Banco de Leite Materno de Santiago. Este Banco foi o
primeiro de Galicia, e dende a súa posta en marcha no 2016, contou coa doazón
de máis de 500 nais (3.500 litros de leite materno) o que permitiu proporcionar
leite materno doado a 740 recén nados de risco das áreas de Santiago, A Coruña,
Ferrol e Lugo.
Nos últimos anos, leváronse a cabo distintas
actividades a favor da lactación materna, entre as que se atopan o labor diario
das DUEs e TCAEs para favorecer a transición a unha lactación materna completa
e a creación da Unidade de Lactación Materna, (coordinada pola neonatóloga
Olalla López Suárez) que proporciona apoio a nais lactantes da área sanitaria compostelá
e organiza talleres de lactación para as nais que
acaban de dar a luz na planta de Obstetricia, aos que no último ano acudiron
preto do 70% das parturientas, chegándose a unha taxa de lactación exclusiva
nas altas deste servicio do 67%
Asímesmo, creouse un grupo de traballo en LM
no que participan médicos, DUEs e TCAEs do Servizo de Neonatoloxía que se
encargan da elaboración de protocolos e
desenvolvemento de actividades de formación e promoción da LM para
garantir a formación continuada e a actualización neste ámbito.
Saúdos