O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais (PSX) e técnico en coidados auxiliares de enfermería (TCAE), dos exames de oposición que se celebraron no pasado mes de novembro. Ás probas, tíñanse presentado 13.162 persoas, das que 4.783 se correspondían á categoría de PSX e 8.379 á categoría de TCAE.
Neste proceso, ofértanse, mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 196 prazas para a categoría de persoal de servizos xerais, das cales 76 corresponden á quenda de acceso libre, 97 a promoción interna, 9 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual e, por outro lado, 789 prazas para a categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería, das cales 337 corresponden á quenda de acceso libre, 395 a promoción interna, 43 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual.
Na categoría de PSX presentáronse un total de 4.718 persoas aspirantes pola quenda de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, das cales aprobaron a fase de oposición 3.643 persoas (o que supón unha porcentaxe de aprobadas do 77%). Pola quenda de discapacidade intelectual, presentáronse 65 persoas, resultando todas aprobadas.
Na categoría de TCAE presentáronse un total de 8.365 persoas polas quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, resultando aprobadas 7.540 (o que supón unha porcentaxe de aprobadas dun 90%). Pola quenda de discapacidade intelectual, presentáronse 14 persoas, das cales aprobaron 13.
Na seguinte táboa recóllese o número de persoas presentadas e aprobadas por categoría:
CATEGORÍA
|
Nº
aspirantes aprobados
|
TOTAL
aspirantes presentados/as
|
Persoal
de servizos xerais
|
3643
|
4718
|
Persoal
de servizos xerais, quenda de discapacidade intelectual
|
65
|
65
|
Técnico/a
en coidados auxiliares de enfermería
|
7540
|
8365
|
Técnico
en coidados auxiliares de enfermería, quenda de discapacidade
intelectual
|
13
|
14
|
Total
Resultado
|
11261
|
13162
|
O modelo definitivo de respostas publícase logo de analizar os tribunais as reclamacións presentadas polos aspirantes contra o modelo provisional. Este modelo, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación, así como as puntuacións provisionais obtidas polas persoas aspirantes presentadas aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (TCAE e PSX).
A resolución abre un prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación, para que as persoas interesadas poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.
As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
O Sergas habilita un enderezo de correo electrónico no que as persoas aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.
Próximas actuacións
Rematado o prazo de reclamación previsto na resolución, publicaranse no Diario Oficial de Galicia as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.