A XUNTA DESTACA O PAPEL FUNDAMENTAL DA ENFERMERÍA GALEGA EN CAMPOS COMO A VACINACIÓN ADEMAIS DE SER UN DOS PRINCIPAIS MOTORES DA ACTIVIDADE ASISTENCIAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 04 2024

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, interveu hoxe, no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti, no acto de inauguración na XXVII Xornada nacional e XX Internacional de enfermería, organizadas pola Escola Universitaria de Enfermería, polo Xerencia da área sanitaria e polo Colexio Oficial de Enfermería de Lugo. Neste foro, a representante de Sanidade remarcou que as profesionais de enfermería desenvolven un papel fundamental na organización sanitaria e son un dos principais motores da actividade asistencial que se desenvolve en Galicia.

Na súa intervención, na que estivo acompañada polo xerente da área sanitaria, Ramón Ares, a directora xeral dixo que grazas ao esforzo do persoal de enfermería, Galicia destaca en materia de vacinación co calendario de inmunización máis completo do mundo. Ser líder nun tema tan relevante como a vacinación é froito dunha actualización constante de recursos e sobre todo da dedicación profesional deste colectivo, -incidiu a directora xeral-.

Tamén dixo Sofía López que o persoal de enfermería desenvolve un papel fundamental no Plan galego de atención domiciliaria en atención primaria e, especificamente, nos equipos de soporte de atención domiciliaria, sendo as súas responsabilidades clave na valoración e seguimento do paciente. Estes equipos realizaron no 2023 máis de 60.000 consultas.

Xunto ao anterior, a enfermería tamén desenvolve, -remarcou a representante de Sanidade-, un importante papel na atención comunitaria e na saúde da poboación nos campos da promoción da saúde e prevención da enfermidade, así como no fomento do autocoidado.

Non se esqueceu Sofía López de remarcar o papel esencial da enfermería na humanización da atención sanitaria, incorporando as necesidades e iniciativas de profesionais e pacientes, e enfocándose en valores como a equidade, a accesibilidade, a eficiencia e a sostibilidade do sistema de saúde.

O sector sanitario se caracteriza polo seu dinamismo e a súa capacidade innovadora. Ao respecto, o Sergas conta coa plataforma de seguimento de pacientes crónicos TELEA que na actualidade xa ten habilitados 26 perfís destinados ao seguimento de diferentes patoloxías.

Para rematar a súa intervención, a directora xeral incidiu en que o persoal de enfermería xestiona todos os días persoas e recursos que son indispensables para o bo funcionamento das organizacións sanitarias e para prestar unha atención sanitaria de calidade.

O acto de hoxe contou, así mesmo, coa presenza do vicerreitor de Organización Académica, Francisco José Fraga; a directora da Escola Universitaria de Enfermería, Pilar Penela; a directora de Enfermería da área sanitaria, María Jesús Pérez; e pola presidenta de Colexio de Enfermería de Lugo; Lourdes Bermello.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde