​19.000 OURENSÁNS PARTICIPARON NO CRIBADO DE DETECCIÓN PRECOZ DA HEPATITE C NOS PRIMEIROS OITO MESES CON 25 RESULTADOS POSITIVOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 04 2024
 

O cribado oportunista de hepatite C levado a cabo na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras desde a súa posta en marcha en xullo de 2023 diagnosticou a un total de 25 pacientes con infección activa por VHC das 19.000 persoas que se someteron ás probas durante os primeiros oito meses de actividade, acadando un índice de positividade dun 0,13 %. Cómpre destacar que se observaron máis positivos nun sexo que noutro sendo a prevalencia maior entre os homes, cun 76% de casos dos novos diagnósticos de hepatite C atopados. 

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade puxo en marcha o pasado ano este Cribado de Hepatite C no marco da estratexia galega de eliminación deste problema de saúde pública o que supón un referente innovador para a eliminación das hepatites virales como obxectivo da OMS para o ano 2030. 

A Hepatite C constitúe unha pandemia silenciosa, pola súa prevalencia e facilidade para pasar desapercibida ata estadios avanzados, evolucionando cara unha hepatite crónica, cirrose hepática ou cancro de fígado. Segundo reflicten os estudos científicos, estímase que case o 30% das persoas que teñen a infección activa de Hepatite C o descoñecen, e na maior parte dos casos pertencen ao grupo de idade de entre 40 e 69 anos.

O sistema de inclusión neste cribado é moi sinxelo, propoñéndolle a participación ás persoas de entre 40 e 69 anos, que se vaian a facer unha analítica por calquera motivo, sempre a petición do seu centro de saúde ou hospital. Para isto, só terán que aceptar tras ser informados das características da Hepatite C, as vantaxes da súa detección precoz e os riscos de evolución de non recibir tratamento, na actualidade altamente eficiente para a súa cura. 

A participación no cribado na área ourensá estase a realizar por quendas, nos tramos de idade onde hai unha maior prevalencia da enfermidade. Así, desde xullo do pasado ano 2023, ofertouse aos nados entre 1964 e 1973. Na nosa Área Sanitaria hai un total de 21.579 ourensáns e 22.352 ourensanas, do tramo de idade comprendido entre os 50 e os 59 anos que constitúen o 14,84% da poboación da provincia, o grupo máis numeroso. Estímase que ao redor dun 42% dos posibles destinatarios participaron ata o de agora no cribado.

Durante o presente ano 2024, está sendo a quenda dos nados entre 1954 a 1963, 42.576 persoas de 60 a 69 anos ao mesmo tempo que se continúa co anterior grupo etario. No ano 2025 será a quenda dos máis novos, os nados entre 1974 e 1983, os nados entre 40 e os 49 anos, que son un total de 42.576 persoas na provincia. 

Para o desenvolvemento deste cribado “oportunista” (aproveitando unha extracción sanguínea prescrita por calquera motivo) emprégase unha metodoloxía innovadora, con orixe no aplicado durante a pandemia COVID, na que tamén se dotou aos laboratorios galegos dos medios máis modernos e rápidos para determinar a carga viral. Así, a mostra de sangue envíase ao Servizo de Microbioloxía, que a analiza por medio de pooling, sistema que permite agrupar ata 100 mostras para detectar a presenza do virus.

A Xefa de Servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario de Ourense, Isabel Paz, subliña “a importancia que ten para un paciente a participación no cribado xa que a enfermidade cursa nunha alta porcentaxe de forma silente e, no caso de detectarse a infección, ter a posibilidade de iniciar o tratamento canto antes. Un tratamento que na actualidade presenta unha eficacia superior ao 95% de tasa de curación”.

Os casos positivos detectados no Laboratorio de Microbioloxía derivanse na maior brevidade posible para a súa atención, coa previsión de establecer o inicio do tratamento nun prazo máximo de 21 días. A introdución dos actuais antivirais de acción directa, dispoñibles desde 2017, supuxo un antes e un despois no tratamento da hepatite C crónica ao permitir obter, coa combinación destes antivirais, taxas de curación próximas ao cento por cento e sen apenas efectos secundarios.

A principal vía de adquisición da infección é por vía sanguínea, seguida da vía sexual. Non existe unha vacina eficaz contra o virus da hepatite C, polo que a detección precoz da enfermidade é clave tanto a nivel individual como colectivo, velaí a importancia de realizar un labor de prevención para reducir o risco de exposición ao virus. Con esta medida cóbrense os dous obxectivos: evitar a progresión da enfermidade e a súa transmisión.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde