O CONSELLEIRO DE SANIDADE RECOÑECE O LABOR DO PERSOAL INVESTIGADOR NA ENTREGA DE PREMIOS DA NOVENA EDICIÓN DA XORNADA BIOINTEGRASAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 04 2024

O obxectivo da integración das Fundacións de investigación biomédica ou sanitaria á Consellería de Sanidade é fortalecer as estruturas das distintas áreas sanitarias neste eido, ademais de mellorar as condicións e a estabilidade do seu persoal, máis de 2.300 investigadores e preto de 600 profesionais que prestan os seus servizos directamente nestas institucións. Así o remarcou o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, no hospital Álvaro Cunqueiro, no transcurso do acto de clausura e entrega de premios da novena edición da Xornada Biointegrasaúde, que organiza o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. 

Neste acto, no que o titular da carteira sanitaria do Executivo galego estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente Prieto, o conselleiro puxo en valor a importancia deste encontro anual, no que os tres institutos de investigación biomédicos galegos congréganse para a posta en común da súa actividade científica e o establecemento de sinerxias.

O responsable da sanidade pública galega agradeceu ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur o seu traballo na organización desta novena edición de Biointegrasaúde, e felicitou a Eva Poveda, directora científica, por reunir neste encontro a especialistas que abordaron temas de enorme interese no proceso da investigación biomédica.

Tamén subliñou o conselleiro a integración do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur na Rede de investigación sanitaria do Instituto de Saúde Carlos III, que é a referencia a nivel nacional, e na que xa están os outros dous institutos galegos.

Para rematar a súa intervención, Comesaña felicitou aos investigadores premiados, xa que todos os proxectos seleccionados representan non só avances científicos, senón, tamén, a visión e dedicación de individuos e equipos que dan forma ao futuro da biomedicina, tomando como eixo central da investigación ao paciente e ás asociacións de pacientes. 

Nun mundo onde a investigación e a innovación son os motores do progreso, é crucial recoñecer e apoiar a aqueles que se embarcan na emocionante busca de novos coñecementos e solucións, posto que sen a investigación sería moi difícil a evolución na asistencia sanitaria, -concluíu o conselleiro-. 

Sinalar que os investigadores premiados foron Antonio Cañizo Outeiriño (IDIS) (1º); Manuel Casal Guisande IISGS (2º); Jacobo Alonso Domínguez IISGS (3º). O premio do público foi para Ana Isabel Rodríguez Cendal (INIBIC).

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde