“ESTASE A VALORAR A RELACIÓN ENTRE SÍNTOMAS DIXESTIVAS E PÁRKINSON”, EXPLICA O NEURÓLOGO DO CHUF, ÁNGEL ANEIROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 04 2024

​“Estase a valorar actualmente a relación entre síntomas dixestivas e Párkinson”, explica hoxe o especialista en Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Ángel Aneiros, na xornada específica sobre o Párkinson que reúne esta tarde a profesionais, pacientes, e familiares de pacientes da Área Sanitaria de Ferrol, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide. Está organizada pola Asociación Párkinson Ferrol en colaboración con profesionais do Complexo ferrolá, con entrada libre para calquera interesado nesta patoloxía que onte conmemoraba o seu Día Mundial.

O neurólogo Ángel Aneiros é un dos relatores do Complexo ferrolá neste encontro, ó que tamén se une a neuróloga da Área, Ester Suárez Castro, que aborda o trastorno do sono que “é unha das síntomas non motoras máis frecuentes, e que inflúe na calidade de vida do paciente”. Durante a inauguración desta xornada, estivo presente con Ángel Aneiros, o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; a concelleira de Política Social, Rosa Martínez Beceiro; e o presidente da Asociación Párkinson Ferrol, Óscar González Montañés. 

Intestino e cerebro, íntima conexión no Párkinson

“Non sabemos as causas desta enfermidade”, explica o neurólogo Ángel Aneiros, “pero, na xornada de hoxe, incluímos a relación que existe entre o intestino e o cerebro porque hai dúas teorías en relación coa patoxenia da enfermidade, ben que a sintomatoloxía parte do sistema nervioso central; ou ben que as síntomas dixestivas son indicativos previos da mesma, e que aparecen anos antes que síntomas cardinais motoras como son a rixidez, a lentitude ou o desequilibrio”. Entre esas síntomas, o estrinximento, as náuseas, a dispepsia ou o exceso de salivación, entre outras. E matiza, “este é un tema que se está a incorporar agora de xeito incipiente, por iso se aborda nesta xornada, para que estean ó día desas novas vías de investigación”. 

A microbiota relaciónase con moitas enfermidades, e “coñecese que no Párkinson existe un disbalance entre as bacterias protectoras e as non protectoras na flora intestinal”. Estas bacterias non protectoras xeran alteracións biolóxicas que poden afectar ó sistema nervioso central vía sanguínea ou a través do nervio vago. Este profesional quixo incidir, sexa ou non a orixe, na abordaxe destas síntomas, xa que si se ten amosado que as persoas con alteracións dixestivas ou estrinximento van peor, entre outras cousas, por unha mala absorción dos propios medicamentos, por pór algún exemplo. Recordoulles ós asistentes algunhas medidas que non por básicas son menos importantes como a de beber moito líquido, a inxestión de fibra e a revisión co profesional das posibles vías, adaptadas a cada caso, para loitar contra este estrinximento. 

Manter boa hixiene do sono

Pola súa banda, a neuróloga do CHUF, Ester Suárez refírese ós trastornos do sono. Aínda que as síntomas motoras, tremor, rixidez e bradicinesia (lentitude de movemento) son as máis coñecidas na enfermidade de Párkinson, as non motoras son frecuentes e inflúen negativamente na calidade de vida dos pacientes. Esta profesional destaca entre elas o trastorno do sono pola súa frecuencia e repercusión. O máis característico da enfermidade de Párkinson é o trastorno de conduta do soño REM, que consiste na perda da atonía muscular normal que caracteriza a esta fase de sono, presentando os pacientes sonos vividos con movementos enérxicos e somniloquios. 

Tamén é frecuente o insomnio, tanto de conciliación, dificultade para quedar durmido, como de mantemento, sono fraccionado ou espertar precoz. Adoita ser de orixe multifactorial, podendo influír síntomas motores da propia enfermidade, certos fármacos, ou outros factores como a nicturia, que é a necesidade de se levantar pola noite a ouriñar. Esta profesional destaca que a abordaxe dos trastornos do sono debe ser multidisciplinar, con medidas non farmacolóxicas ou de hixiene de sono, como evitar sestas longas ou reducir psicoestimulantes como o café; e tratamento farmacolóxico, que debe ser individualizado para cada paciente.

Novos tratamentos

Pola súa banda, o neurólogo do CHUAC, Diego Santos García, falou sobre novos tratamentos para a enfermidade de Parkinson. Hai dous tipos, os “sintomáticos”, que son os que axudan a mellorar as síntomas da enfermidade, e actúan ó corrixir o déficit dalgún neurotransmisor cerebral, como a dopamina e outros; e aqueles “modificadores do curso da enfermidade”, que pretenden actuar sobre os mecanismos implicados na neurodexeneración e agregación proteica, coa fin de frear, ou polo menos retardar, a progresión da enfermidade, explica. Respecto ós primeiros, comercializáronse algúns recentemente. 

A levodopa inhalada está dispoñible dende o ano pasado en España, e úsase como tratamento inhalado por vía oral para rescatar ó paciente dos episodios OFF, é dicir, os momentos nos que a medicación deixa de facer efecto. Actúa de forma rápida e é ben tolerado, relata. Proximamente, sairá un tratamento cun efecto semellante, a apomorfina sublingual. “Saíu tamén ó mercado unha nova formulación de levodopa para administrar en pacientes en fase avanzada por vía PEG, que leva entacapona e que permite utilizar menos levodopa e, por iso, usar un cartucho máis pequeno que se adapta a unha bomba de menor tamaño”, continúa. “Este mesmo ano, temos dispoñible levodopa para administrar por vía subcutánea, en perfusión continua 24 horas, para controlar as fluctuacións e discinesias dos pacientes con Parkinson”. Hai outros en investigación. En relación cos tratamentos modificadores do curso da enfermidade, “hai moitos ensaios en marcha, pero aínda ningún fármaco aprobado. Hai inmunoterapia con vacinas e anticorpos, terapia xénica, celular, e outros moitos”. No seu centro hospitalario, explica, estanse a levar a cabo ensaios en fase dous con moléculas que pretenden evitar a expansión a nivel do cerebro dos agregados proteicos, pero “aínda é pronto para saber se van funcionar”, remata.

Podoloxía, melloría de equilibrio e postura

Pola súa banda, a podóloga, Ana Ramos García, falou das funcións que pode desempeñar un podólogo nos casos de persoas con Párkinson, “que saiban identificar cando é necesario acudir a nós. Por iso, tentarei abordar os puntos que considero claves para mellorar a súa calidade de vida”. Así, por unha banda, a enfermidade de Párkinson afecta de forma moi directa sobre o movemento e equilibro das persoas que o sofren. “A principal terapia para controlar os devanditos síntomas é a farmacolóxica, pero, cunha exhaustiva exploración física e unha análise dos parámetros biomecánicos cun estudo da marcha, podemos deseñar un tratamento ortopodóloxico, como plantillas, que poidan controlar e reducir certas alteracións para conseguir diminuír os riscos de caídas, reducir os puntos de sobrecarga e mellorar o seu equilibrio e postura”. 

Así mesmo, por mor desta alteración no apoio do pé e das modificacións da marcha, tamén poden sufrir diversas lesións a nivel dérmico: queratopatías plantares, interdixitais e lesións ungueais, ás que se refirirá. E engade que o calzado e os diferentes tipos de dispositivos ortopédicos de axuda para a marcha, como bastóns ou andadores, tamén serán outro tema para tratar, “xa que unha boa elección pode marcar un antes e un despois na autonomía dunha persoa con enfermidade de Párkinson”. 

Consulta monográfica de Párkinson

Lembrar que a Área Sanitaria de Ferrol conta cunha consulta específica sobre Párkinson no Hospital Naval do Complexo. Nesta consulta monográfica de Párkinson, valóranse en torno a 90 pacientes ó mes. A enfermidade de Párkinson é un trastorno neurodexenerativo e crónico que conduce co tempo a unha incapacidade progresiva. É producido a consecuencia da destrución, por causas descoñecidas, das neuronas pigmentadas da substancia negra do cerebro. É a segunda enfermidade neurodexenerativa en España por número de habitantes, e a segunda máis frecuente despois da enfermidade do Alzheimer. Soe debutar a partir da sexta década; afecta a ámbolos dous xéneros; e non só cursa con síntomas motores. En ocasión, asóciase á demencia. Na actualidade, non se coñece o axente etiolóxico, e non se dispón de tratamento curativo, pero cada vez existen máis tratamentos sintomáticos dispoñibles, como os que se abordan neste encontro de hoxe no que conflúen pacientes e profesionais.  

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde