A XUNTA DESTINA MÁIS DE 24 MILLÓNS DE EUROS A ADQUISICIÓN DE BOMBAS DE INFUSIÓN, NUTRICIÓN E MEDICACIÓN PARA OS CENTROS SANITARIOS DO SERGAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 04 2024

O Consello da Xunta autorizou esta mañá un expediente de contratación para a adquisición de bombas de infusión, nutrición e medicación con destino ao conxunto de centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde. Así, o Executivo Galego destinará un total de 15.496.496 euros para dotar con este equipamento as sete áreas sanitarias galegas durante os  vindeiros 3 anos, un investimento que se estima que ascenda ata os 24.271.959 euros, no caso de prorrogarse o contrato durante dous anos máis.

As bombas de infusión son uns dispositivos tecnolóxicos que permiten administrar aos pacientes -ben sexa por vía intravenosa, subcutánea, epidural ou parenteral-; os líquidos, medicamentos ou nutrientes que precisan; posibilitando o establecemento tanto das súas doses, como dos intervalos de tempo específicos, de acordo coas necesidades clínicas dos pacientes. 

Entre as súas funcións, e xunto co cálculo preciso das doses, destacan a posibilidade de programar diferentes ritmos de goteo, a configuración de horarios e alarmas, ou a posibilidade de establecer diferentes niveles de presión. 

O emprego das bombas de infusión intelixentes na administración de medicamentos marcou un antes e un despois no labor diario do persoal de enfermería. Así, estes dispositivos ofrecen un control meticuloso sobre a velocidade e o volume da infusión, permiten levar a cabo terapias personalizadas, e reducen dun xeito significativo os posibles riscos asociados á administración manual.

Na práctica clínica diaria, o seu uso adoita ser habitual en todos os contornos asistenciais: nas unidades de coidados intensivos, nas salas de operacións, nas unidades de coidados intermedios, nas plantas de hospitalización, e están indicadas para prescricións como: a alimentación parenteral e enteral, quimioterapia, analxesia epidural continúa ou na administración de insulina.

Primeira compra centralizada deste equipamento

É preciso salientar que o expediente autorizado esta mañá supón a primeira contratación centralizada do Sergas neste tipo de material. Deste xeito, o Executivo galego incide no seu obxectivo de garantir a máxima homoxeneización de produtos e procedementos para asegurar a maior calidade e equidade na atención dos usuarios da sanidade pública galega. 

Así, a modalidade de contratación escollida para este expediente, posibilitará que o departamento sanitario da Xunta acade un aforro medio do 11 % (601.414 euros/ano) na adquisición deste equipamento, e o que suporá un aforro total estimado de 3.007.070 euros.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde