A XUNTA ACEPTA A CESIÓN DUN TERREO NO CONCELLO DE PONTEAREAS PARA CONSTRUIR O NOVO CENTRO DE SAÚDE DA LOCALIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 04 2024

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a aceptación da parcela cedida polo Concello de Ponteareas ao Servizo Galego de Saúde para construír o novo centro de saúde desta localidade.

O terreo onde se localizará o futuro centro sanitario está situado no lugar de Barral, e  consta dun total de 5.713 metros cadrados. Así, o Concello de Ponteareas conta cun total de 22.957 Tarxetas de Identificación Sanitaria (TIS), e o seu PAC e Servizo de Atención Primaria (SAP) presta cobertura asistencial a 40.991 persoas dos concellos de Ponteareas, Salvaterra do Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario e O Covelo.

A construción do novo centro de saúde estaba prevista no Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta en outubro do ano 2021, debido á antigüidade do actual edificio (máis de 35 anos) e á imposibilidade de que puidese acoller novos espazos.

Neste sentido, o Plan funcional recollido para o novo centro de saúde ponteareá incidirá na ampliación dos espazos dedicados á asistencia sanitaria. En concreto, estará dotado con 9 consultas de medicina de familia (1 consulta máis), 11 de enfermería (1 máis), 2 consultas novas de docencia de MIR -Médico interno residente- e EIR -de enfermería-, unha consulta de farmacia, unha área de saúde bucodental con 2 consultas (1 máis), despacho de traballador social, área de fisioterapia con consulta e ximnasio, sala de toma de mostras, 4 salas polivalentes (2 novas), 1 nova consulta para paciente infeccioso, zona de radiodiagnóstico, 2 consultas de matrona e sala de educación sanitaria, 2 consultas de pediatría, 2 de enfermería pediátrica e, na área pediátrica, unha nova sala para observación e tratamento e outra de paciente respiratorio, así como 2 despachos de coordinación. 

No punto de atención continuada (PAC), contará cunha sala de reanimación e 2 novas de observación, 3 consultas de medicina (1 máis), 3 de enfermería (1 máis), pasará de contar con 5 dormitorios a 8 e 2 novos vestiarios. Ademais, o centro de saúde de Ponteareas contará cunha base do 061 composta de 2 dormitorios, unha sala de estar e aseos.

Coa nova construción, o Sergas mellorará a unidade de saúde mental dotándoa de 2 consultas de psiquiatría, 1 de psicoloxía clínica, 1 de enfermería, 1 de traballo social, 1 de docencia e unha sala de actividades grupais. Ademais, tamén de nova creación, contarase con 4 consultas médicas especializadas.

Ampliación do cadro de persoal

Nesta liña, a nova construción levará aparellada consigo unha ampliación de persoal, pois este centro de saúde dotarase dun facultativo máis, un odontólogo, e senllos profesionais en formación de Medicina de Familia e Comunitaria (MIR), e de Enfermería (EIR).

Así, o seu cadro de profesionais disporá de: 15 médicos, 3 pediatras, 1 farmacéutico, 15 enfermeiros, 3 técnicos en coidados auxiliares de enfermería, 8 PXS, 2 odontólogos, 1 MIR, 1 EIR, 3 matronas, 3 fisioterapeutas, 1 traballador social e 2 hixienistas. Ademais, o PAC contará con 9 médicos e 9 profesionais de enfermería.

Destes conxunto profesionais, cómpre apuntar que  1 médico de familia, 1 médico de PAC e un Pediatra que acadaron a súa praza na convocatoria por concurso de méritos convocada pola Xunta.

A Unidade de Saúde Mental contará con 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 enfermeira especialista en Saúde Mental, 1 traballador social e 1 PXS.

Xa que logo, a construción do novo centro de saúde permitirán dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da poboación galega que reside nesta área sanitaria, ao mellorarse as dotacións e infraestruturas dedicadas á atención asistencial no Concello.

Infraestruturas de atención primaria na provincia de Pontevedra

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu -ou reformou- un total de 135 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 85.000 metros cadrados. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 14 anos, máis de 158 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria. 

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos, puxéronse en marcha novos centros de saúde na Parda (Pontevedra), Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Vilalonga (Sanxenxo), San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Marín, Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, A Estrada e Bouzas (Vigo), e as reformas de Vilaboa, A Illa de Arousa, Tomiño, Crecente, Valga e Pazos de Borbén, e os centros vigueses de Lavadores e da rúa Cuba, mentres que xa están case finalizadas as obras de construción do novo CIS de Lalín e xa finalizadas as obras de ampliación do centro de saúde do Porriño, pendente de acometer a súa reforma.

Para continuar con este esforzo, en 2021, o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que, no caso da provincia de Pontevedra, prevé a construción de 13 novos centros de saúde e dúas reformas e ampliacións.

Así, a fase 0 do Plan recolle os novos centros de saúde de Vilagarcía, con proxecto finalizado pendente de licitación da obra; o de Soutomaior, con convenio xa asinado e pendente da cesión da parcela; o de Moaña e o novo Centro Integral de Saúde de Vigo, ambos coas obras xa iniciadas. 

Na fase 1 recóllense novos centros en Caldas de Reis, O Grove, Poio; dous Centros Integrais de Saúde en Cangas e A Guarda (con protocolo asinado), e a reforma do centro de saúde de Moraña (con protocolo asinado).

Na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Meis (con parcela xa cedida e encomendado á Axencia Galega de Infraestruturas), Mos (que se integrará nunha rehabilitación completa do antigo hospital psiquiátrico do Rebullón) e a reforma do centro de saúde do Rosal.

A execución simultánea destes proxectos foi posible grazas a que os orzamentos da Xunta de Galicia de 2023 incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65%, ata os 56 millóns de euros. Para este 2024, os orzamentos da Xunta continuarán con ese aumento ata chegar aos 63,9 millóns de euros para investimentos e transferencias de capital en atención primaria.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde