A XUNTA DESTINA 3,5 M€ Á OBTENCIÓN DE MEDICAMENTOS ELABORADOS A PARTIR DE PLASMA SANGUÍNEO PARA TRATAR A HEMOFILIA E ENFERMIDADES AUTOINMUNES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 04 2024

O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación, por 3.497.457 euros, do servizo de fraccionamento industrial do plasma humano da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) para obter medicamentos hemoderivados e así tratar patoloxías como a hemofilia e déficits conxénitos de factores da coagulación, enfermidades autoinmunes e deficiencias conxénitas da inmunidade.

ADOS ten a competencia de optimizar o autoabastecemento e subministración de compoñentes sanguíneos e medicamentos elaborados con plasma procedente das doazóns que non se dedican ás transfusións nos hospitais. Este plasma envíase á industria farmacéutica especializada en fraccionar este compoñente sanguíneo para obter medicamentos que se subministran posteriormente aos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde.

Deste xeito, aprovéitase un recurso propio como é o plasma e increméntase a seguridade dos receptores destes medicamentos, xa que son obtidos cos máis altos estándares de calidade e seguridade que proporciona a Axencia Galega de Doazón.

Ademais, ADOS participa no Plan nacional de plasmaférese que impulsa o Ministerio de Sanidade, xunto cos centros de transfusión das comunidades autónomas, que busca avanzar cara á autosufiencia en materia de medicamentos derivados do plasma en España. Isto asegura o acceso a tratamentos vitais para os pacientes que os precisan e ADOS avanza no incremento da autosuficiencia de Galicia nestes medicamentos elaborados a partir de plasma de orixe galega. 

Os medicamentos hemoderivados obtidos por ADOS a partir do plasma sanguíneo son: a albúmina, o factor VIII, as inmunoglobinas e a alfa1-1 antitripsina. Estes medicamentos benefician pacientes para tratar, entre outras enfermidades, a hemofilia (A e B) e outros déficit conxénitos de factores de coagulación, nos que as persoas afectadas sofren hemorraxias graves que mesmo poden aparecer de xeito espontáneo e sen causa aparente; as enfermidades autoinmunes, nas que o paciente crea anticorpos contra os seus propios tecidos; ou deficiencias conxénitas da inmunidade, que son causa de infeccións graves a raíz do contacto diario con bacterias e virus, sen orixe aparente, como consecuencia de fallos do sistema inmunolóxico.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde