A ÁREA SANITARIA DE OURENSE ORGANIZA OBRADOIROS PARA CONCIENCIAR SOBRE A IMPORTANCIA DA HIXIENE DE MANS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 05 2024

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras súmase á conmemoración da Xornada Mundial de Hixiene das Mans, que se celebrará, como todos os anos, o 5 de maio mediante a organización de múltiples actividades e obradoiros dirixidos tanto ao persoal sanitario dos hospitais e centros de saúde ourensáns como para os nenos dos centros educativos da provincia e tamén para traballadores e usuarios de varias vivendas comunitarias. 

Estas iniciativas, promovida polos servizos de Medicina Preventiva, a Área de Calidade da Dirección de Enfermaría e a Unidade de Saúde Comunitaria de Atención Primaria, teñen un obxectivo divulgativo da importancia de compartir coñecementos sobre a hixiene de mans, porque axuda a deter a propagación de xermes daniños na atención médica. A asistencia sanitaria e un ámbito no que se poden producir infeccións, e é por iso que a OMS lembra que o lavado de mans é a mellor opción para previr a propagación de xermes, e así combater calquera virus respiratorio e enfermidades gastrointestinais.

Cómpre subliñar que unha de cada cinco infeccións respiratorias e unha de cada tres enfermidades diarreicas pódense previr cun axeitado lavado de mans, por iso é preciso insistir na relevancia de efectuar a hixiene das mans, cunha técnica correcta, nos momentos axeitados.

Miriam Vázquez Campo, supervisora da Área de Calidade da Dirección de Enfermaría salienta que “a hixiene de mans é a medida máis sinxela e eficaz que se pode realizar para reducir a transmisión das infeccións relacionadas coa atención sanitaria; e para evitar a propagación das infeccións que se transmiten a través do contacto”. Hoxe pódese enfatizar máis que nunca o feito de que “unha correcta hixiene de mans salva vidas”. 

Mesas divulgativas para o persoal sanitario

Durante a mañá de hoxe os tres hospitais da nosa Área Sanitaria, CHUO, Hospital Público de Verín e Hospital de Valdeorras, instalaron mesas divulgativas orientadas ao persoal sanitario onde incidiron na importancia da correcta hixiene de mans durante os cinco momentos dentro da atención sanitaria: antes do contacto co paciente, antes de realizar unha tarefa limpa ou aséptica; despois do risco de exposición a fluídos orgánicos; despois do contacto co paciente; e despois do contacto co entorno do paciente. Cando o procedemento se realiza con auga e xabón, denomínase lavado de mans; e cando se realiza a base dun preparado de base alcohólica ou con xabón antiséptico, denomínase desinfección das mans. 

Premios “Mans de ouro”

A correcta hixiene de mans de profesionais sanitarios é unha estratexia crave para frear tamén a diseminación de bacterias resistentes aos antibióticos. A Área de Calidade da Dirección de Enfermaría quixo agradecer as boas prácticas dos profesionais dos tres hospitais da Área Sanitaria de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras, outorgando un premio ás unidades de hospitalización cos mellores resultados obtidos nas roldas de seguridade levadas a cabo. O premio leva como nome “Mans de ouro”, e nesta edición recaeron nas seguintes unidades: CHUO (Unidade 6ª Norte de Medicina Interna), Hospital Público de Valdeorras (Unidade Azul) e Hospital Público de Verín (Unidade Verde). Todas elas recibiron un diploma de agradecemento polas súas boas prácticas na adherencia ás recomendacións sobre hixiene de mans.

Obradoiro “Bichos fóra” e a “Caixa Máxica”

A Aula Hospitalaria do Hospital Materno Infantil tamén se sumaba a este día xunto ao persoal de enfermaría da unidade de hospitalización de Pediatría, o servizo de Medicina Preventiva, a área de Calidade e a mestra da Escola co Obradoiro “Bichos fóra” onde os nenos ingresados cantaron os pasos do lavado co baile das mans, traballando a importancia de lavar as mans e a forma en que se debe facer a través dunha canción que reproduce a secuencia dun correcto lavado de mans. 

Ademais puideron amosar os seus coñecementos a traves dunha “Caixa Máxica” instalada na Ciber@ula da Escola de Pediatría que contaba cunha luz ultravioleta onde se podía ver a eficacia do seu lavado de mans e como facer todos os pasos para unha correcta hixiene de mans.

Este obradoiro de “Bichos fora” terá continuidade o vindeiro luns 6 de maio en varios colexios de educación infantil da provincia, grazas a implicación do persoal de enfermaría dos centros de saúde de atención primaria que impartirán mediante xogos sinxelos e divertidos os pasos a seguir para que os nenos fagan unha correcta hixiene de mans.

Obradoiro “Cóidate para coidar”

Este obradoiro fai fincapé na importancia da hixiene de mans para coidadores, dirixido a persoal que traballa nas Vivendas Comunitarias da nosa provincia, explicando a importancia dun eficaz e axeitado lavado de mans, mediante dinámicas co obxectivo de reducir o número de microorganismos que hai na pel das mans. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde