A calidade da docencia impartida e a formación e dedicación dos titores, as
instalacións hospitalarias ou a avanzada tecnoloxía clínica e diagnóstica do
CHUAC foron uns dos aspectos máis valorados polos alumnos á hora de elixir este
centro hospitalario para completar a súa formación académica.
Este acto de despedida estivo presidido polo xerente, Luis Verde Remeseiro;
pola xefa de estudos, Rosario López Rico; así como pola xefa de estudos de
Medicina Familiar e Comunitaria, Nieves Domínguez; e por Juan Carlos
Vázquez Barro, coordinador de Docencia Pregrao.
O xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro,
agradeceulles que tivesen escollido os distintos centros asistenciais que
forman parte da Área Sanitaria para completar esta importante etapa de
formación, pois nestes “recibiron unha formación de alta calidade, cun equipo
docente excepcional e cunha atención moi personaliza e integral”.
O rotatorio é a etapa final da carreira de medicina e cirurxía. Trátase dun
conxunto de sinaturas totalmente prácticas que se cursan durante o sexto curso
da carreira. Nelas, os alumnos incorpóranse ao hospital e centros de saúde que
elixen e nos que realizan esta formación tutelados por facultativos do hospital
-profesores asociados da universidade-, formándose en áreas como clínica
médica, clínica cirúrxica, clínica obstétrico-xinecolóxica, clínica pediátrica,
clínica psiquiátrica, rotación en medicina de familia e comunitaria, e rotación
en urxencias, servizos centrais, etc.