A XUNTA INICIA MAÑÁ AS PROBAS DO PROGRAMA PILOTO DE CRIBADO DE CANCRO DE PULMÓN ENTRE PRETO DE 300 PERSOAS DA ÁREA SANITARIA DA CORUÑA, SITUANDO GALICIA COMO REFERENTE EN PREVENCIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 05 2024

A Xunta iniciará mañá o programa piloto de cribado de cancro de pulmón entre preto de 300 persoas da área sanitaria da Coruña e Cee, co que Galicia se sitúa como referente na abordaxe da detección precoz dunha enfermidade que é a primeira en mortalidade en homes e a segunda en mulleres. Ademais, neste tipo de cancro a detección temperá é determinante para obter un diagnóstico favorable.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto á directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, ao xerente da área sanitaria, Luis Verde, e ao resto de persoal implicado, visitou o servizo de radiodiagnóstico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña no que este sábado se comezarán a realizar os TAC de baixa radiación aos pacientes participantes no programa piloto.

Partindo dunha poboación diana de persoas de 55 a 74 anos grandes fumadoras ou que deixaran de fumar hai menos de 10 anos, a selección definitiva foi realizada por persoal facultativo de atención primaria do centro de saúde do Ventorrillo e residentes MIR dirixidos pola coordinadora docente da área sanitaria coruñesa a través de enquisas entre os pacientes que tiñan rexistrado na súa historia clínica o hábito tabáquico.

Un total de 306 persoas cumprían os requisitos do programa, a maioría homes e fumadores. Delas, hai 290 candidatos aos que se lles ofrecerá a someterse a un TAC de baixa radiación que se comezarán a realizar mañá previa citación telefónica aos interesados. A previsión é realizar as probas desde mañá ata finais do mes de xuño.

Polo tanto, ao longo do verán a Consellería de Sanidade disporá dos primeiros resultados provisionais cos que coñecer o nivel de participación no programa piloto, a taxa de derivación para confirmación de diagnóstico e outros indicadores. Para confirmar taxas de detección da enfermidade, será necesario facer un seguimento a longo prazo ata confirmar ou descartar un posible cancro de pulmón. 

Tomando como base a avaliación deses datos, o Goberno galego decidirá sobre a conveniencia ou non da extensión do programa a toda Galicia.

No acto no CHUAC, o conselleiro agradeceu o traballo do equipo multidisciplinar que permitiu desenvolver esta iniciativa, como é o persoal da Dirección Xeral de Saúde Pública, membros da cátedra de Medicina Preventiva da USC, médicos especialistas en neumoloxía, radioloxía, cardioloxía, oncoloxía e medicina de familia, e persoal da subdirección xeral de atención hospitalaria do Sergas.

Á vangarda da saúde pública

Este proxecto piloto enmárcase no Plan Inspira Saúde co que, partindo dunha abordaxe integral de protección da saúde da poboación fronte aos danos provocados polo tabaco, a Xunta avanza no desenvolvemento de novas estratexias de detección precoz de cancro asociado ao seu consumo. 

Mostra da aposta que a Xunta fai pola prevención, a Consellería de Sanidade duplicou desde 2020 o investimento destinado aos cribados ata chegar aos 2,6 millóns de euros nos orzamentos deste ano. 

Entre os últimos avances, Galicia estendeu a todas as áreas sanitarias o programa de detección precoz de cancro de cérvix e, aumentando o número de beneficiarias en 100.000 mulleres, ampliou ata os 74 anos a cobertura do cribado de cancro de mama, ademais de consolidar o cribado de cancro de colon en todas as áreas.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde