O conselleiro de Sanidade salienta a importancia de potenciar dende o ámbito educativo unha actitude favorable á doazón
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
07 06 2017

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2017.- O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu, xunto co secretario xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jose Alberto Díez de Castro, a entrega de premios aos gañadores do II Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea e a quinta edición do Concurso de Curtametraxe para escolares relacionado coa doazón e os transplantes, que tivo lugar hoxe na conmemoración do Día Nacional do Doador.

Promoción educativa
O conselleiro de Sanidade salientou que, no transcurso do curso escolar 2016/2017, impartíronse 97 charlas informativas a máis de 5.000 escolares de 41 concellos galegos, que recibiron información sobre a doazón e o transplante. Segundo a análise de enquisas realizadas aos estudantes tras as charlas informativas, o 86% manifestaron que doarían os seus órganos ao falecer e o 97% indicaron que respectarían a decisión de doar dun familiar que en vida o tivera manifestado. Vázquez Almuiña agradeceu a todos os membros da comunidade educativa, especialmente docentes e centros escolares, o esforzo e interese amosado para crear unha conciencia proclive á doazón de sangue e felicitou aos participantes nos dous certames de curtametraxes pola súa especial sensibilidade a prol deste xesto solidario.

 

Espera para transplantes
O conselleiro de Sanidade indicou que, a data de 1 de xuño, hai arredor de 330 persoas en espera para recibir un órgano. Vázquez Almuiña salientou que España é referente mundial en doazón e transplante e, dende a creación do Sergas, no ano 1981, teñense realizado en Galicia un total de 7.301 transplantes. Así mesmo, remarcou que, no que vai de exercicio, os hospitais galegos teñen realizado 143 transplantes. Vázquez Almuiña valorou positivamente que, no transcurso dos primeiros meses do ano 2017, a diminución da porcentaxe de negativas familiares en Galicia con respecto ao ano pasado.

Premiados
No concurso de curtas para escolares relacionado coa doazón e o transplante, resultaron premiados co primeiro e segundo posto, respectivamente, os traballos “Regala sorrisos salvando vidas” do IES Barxas (Moaña) e “Un día calquera” do IES Xograr Afonso Gómez (Sarria). Os alumnos Andrés Lorenzo Rodríguez, Xoán García García e Christian Santiago Piñeiro, dirixidos pola docente Luz Beloso Rodríguez, asinaron o traballo ganador do primeiro premio, mentres que as alumnas Laura López Pereiro e Paula Quiñoá Piñeiro, baixo a supervisión do seu docente José Carlos Gómez, foron as autoras do traballo que obtivo o segundo premio.

Respecto ao concurso universitario de curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, o primeiro premio foi para os alumnos da facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Romina Alonso Fernández, Sara Fernández Meijide e Iván García Calaza, co seu traballo “Regala tempo”.
 
Ao remate do acto proxectáronse as curtametraxes gañadoras e as autoridades realizaron unha foto de grupo como lembranza da conmemoración desta xornada.
O acto celebrado hoxe contou, ademais, coa presenza do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; da directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García; e da responsable do área de Coordinación de Transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss