Sanidade amplía ata o 1 de setembro o período de suxestións ao anteproxecto de lei polo que se modifica a lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 08 2017

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2017.- Coa fin de garantir a maior transparencia posible, a Consellería de Sanidade vai ampliar, ata o 1 de setembro, o período de suxestións ao anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. O texto está, actualmente, publicado no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia para que toda a cidadanía poida achegar as suxestións que estimen oportunas. Ata a actualidade, xa se levan presentadas ao redor de 500 suxestións ao mesmo.

Cómpre subliñar, así mesmo, que o pasado día 10, o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e da directora xeral de Recursos Humanos, Margarita Prado, mantiveron unha xuntanza con representantes dos colexios profesionais de Médicos, Farmacéuticos, Enfermería, Veterinarios, Odontólogos e Fisioterapeutas para explicarlles os principais puntos do anteproxecto de Lei.
 

Esta xuntanza enmárcase no obxectivo da Consellería de Sanidade de facilitar o maior grao de consenso e participación activa na elaboración da norma.

A modificación da Lei é principalmente administrativa e non suporá ningún cambio para os pacientes, que non terán que cambiar de médico nin de hospital. A principal vantaxe que recolle a nova organización territorial é que achega ao servizo sanitario á cidadanía e permitirá unha coordinación entre atención primaria e atención hospitalaria máis efectiva, cunha cobertura asistencial realizada cos mesmos criterios asistenciais e de derivación entre centros, protocolos únicos de área, e maior interactuación de profesionais de ambos niveis asistenciais.

 
Reforzo do papel dos hospitais comarcais
O anteproxecto de Lei reforza o papel de todos os hospitais comarcais e blinda tanto a súa existencia como a súa estrutura. Ampárase, deste xeito, tanto ao persoal dos hospitais como a asistencia sanitaria de calidade para os cidadáns, que queda garantida.
 
Actualmente, existen en Galicia sete Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIs), 11 áreas sanitarias e 14 hospitais da rede sanitaria pública, tres dos cales -os de Barbanza, Cee e Verín- non se corresponden cunha área sanitaria. Isto, unido á evolución da pirámide demográfica de Galicia, obriga a revisar a división territorial actual.
 

Polo tanto, co obxectivo de axustar a lexislación á realidade, a ordenación territorial sanitaria proposta establece unha distribución en áreas sanitarias e en distritos, como divisións territoriais desas áreas. O ámbito das áreas coincidirá co das sete actuais EOXIs: A Coruña; Santiago de Compostela; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Vigo.

En particular, a área de Pontevedra estará formada polos distritos de Pontevedra e O Salnés; a da Coruña, polos da Coruña e Cee; a de Santiago de Compostela, polos de Santiago de Compostela e A Barbanza; a de Lugo, polos de Lugo, Monforte de Lemos e A Mariña; e a de Ourense, polos de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. As áreas de Ferrol e Vigo contan cada unha cun único distrito.

Estes distritos constituirán un marco de referencia da actividade de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá arredor do hospital e manterán a agrupación de concellos que xa se realiza actualmente no decreto das EOXIs.

 


 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss