Sanidade reforma o decreto de farmacias para garantir un proceso máis transparente e axilizar os trámites de adxudicación
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
29 08 2017
 ​A Consellería de Sanidade impulsa a reforma do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia co obxectivo de axilizar o acceso á titularidade das novas oficinas de farmacia, cun procedemento máis obxectivo e transparente; así como garantir os criterios obxectivos de selección que garantan a concorrencia competitiva. Como novidade, a reforma amplía de 3 a 15 anos o período de transmisión intervivos dunha oficina de farmacia.

O Portal de Transparencia e Bo Goberno da Xunta de Galicia publica hoxe o anteproxecto de Decreto, quedando aberto o prazo de suxestións. O anteproxecto foi  presentado e acordado previamente cos colexios farmacéuticos galegos.

Acto público para a adxudicación de farmacias e novos baremos
A reforma tamén establece un novo procedemento para a adxudicación das novas oficinas de farmacia coa convocatoria a un acto público ao que están chamados a concorrer todos os participantes, e no que cada un deles presentarase a todas as oficinas convocadas.
 
O acto público realizarase mediante chamamento individual das persoas concursantes (ou representante legal) segundo a orde obtida na lista definitiva de puntuacións, comezando coas de maior puntuación. Cada participante poderá optar a unha das oficinas de farmacia que non foran elixidos polos anteriores e formalizar a súa elección. O acto rematará cando estean elixidas todas as oficinas convocadas, ou no seu defecto, o chamamento de todas as persoas concursantes. Unha vez finalizado, levantarase acta na que se fará constar o resultado.
 
Así mesmo, co fin de garantir a viabilidade e correcta tramitación do procedemento de apertura, as persoas que resulten adxudicatarias de oficinas de farmacia, disporán dun prazo de dez días para acreditar documentalmente ter constituído garantía suficiente para cubrir o importe de 3.000 euros (mediante depósito na Tesourería Xeral da Administración Autónoma de Galicia ou mediante aval bancario); o aval será reintegrado unha vez se produza a apertura ao seu nome da nova farmacia.
 
A reforma do decreto tamén establece un novo baremo que dará prioridade á experiencia profesional en oficina de farmacia como elemento valorable. Teráse en conta os méritos académicos, a formación posgraduado, o coñecemento da lingua galega e as medidas de fomento, mantemento e creación de emprego.
 
Con esta medida a Consellería de Sanidade garante que o perfil dos adxudicatarios finais  sexa acorde á experiencia necesaria para o desempeño profesional na titularidade dunha oficina de farmacia; e dá resposta ás demandas dos profesionais farmacéuticos e dos seus respectivos colexios.

 

 
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss