A Xunta duplica a capacidade de apoio formativo aos nenos e nenas hospitalizados no Álvaro Cunqueiro posibilitando unha mellor atención académica
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
18 09 2017

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; e o de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodriguez González, visitaron hoxe as Aulas hospitalarias do hospital Álvaro Cunqueiro, que tamén iniciaron o curso escolar estreando novo equipo docente. A Consellería de Educación vén de dotar á Escola doutro efectivo máis, dunha segunda mestra, que duplica a capacidade de apoio formativo aos nenos hospitalizados, permitindo unha mellor atención académica e un trato aínda máis personalizado, especialmente cos pacientes de media e longa estadía.

 
O conselleiro de Cultura e Educación sinalou as aulas hospitalarias como unha das liñas de actuación que o seu departamento desenvolve para a atención á diversidade do alumnado. Neste sentido, cómpre explicar que en Galicia existen sete aulas en hospitais das catro provincias, que prestan apoio á ensinanza das nenas e nenos hospitalizados. Ademais, e no mesmo concello de Vigo, o departamento educativo da Xunta mantén unha liña de colaboración con diferentes entidades para a atención á diversidade dos estudantes, tales como o convenio asinado este mesmo ano coa Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo (TEAVi) para mellorar a atención educativa ao alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA), ou os establecidos coa Fundación Menela para posibilitar o uso do servizo de comedor de alumnos discapacitados, entre outros.
 

 

Remarcar que o Servizo de pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo inclúe, ademais da área ambulatoria e de urxencias, dúas Unidades de hospitalización -con case 60 camas-, unha Unidade de Coidados Intensivos Neonatais, e outra de Coidados Intensivos pediátrica. Este servizo ten unha media diaria de 30 nenos ingresados, algúns deles de estancias longas e repetidas.
 
Co obxecto de ofertar soporte educativo aos nenos e nenas que poden saír da súa habitación, o servizo de Pediatría dispón nas súas instalacións de dous espazos perfectamente dotados, a Aula propiamente dita, con capacidade para todos os nenos  e nenas que a necesiten, e un Aula de Informática, dotada con oito ordenadores persoais, pizarra dixital e outro material TIC. Estas instalacións compleméntanse cunha área lúdica e de xogos, “O Patio de Recreo”.

  

No transcurso da súa visita, os conselleiros -que estiveron acompañados polo xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial- destacaron a estreita colaboración existente entre ambas administracións que, xunto coa boa disposición do persoal destes espazos educativos emprazados nos hospitais galegos, garanten a atención educativa a nenos e nenas que, por calquera motivo, están ingresados na rede sanitaria pública.
 
Continuar co programa educativo
A atención sanitaria prestada nos hospitais pretende dar unha resposta óptima dende o punto de vista médico, pero tamén quere ofrecer unha atención integral, que comprenda todos os aspectos da esfera psico-bio-social da persoa e da súa familia.

 

Neste marco, a educación regrada é un elemento esencial. A través da Consellería de Educación, o Sergas vén prestando soporte académico experto, que permita aos nenos e nenas ingresados manter a súa conexión, tentando que poidan seguer desenvolvendo o programa académico do seu centro.
  
Media diaria de 30 nenos hospitalizados
O servizo de Pediatría do Álvaro Cunqueiro rexistra anualmente 4.000 ingresos, dos cales 2.200 están en idade escolar, o que representa que a diario son 30 nenos e nenas os que requiren de soporte escolar durante a súa estadía. Estes nenos son atendidos polo equipo docente en función das súas necesidades, xa sexa na Aula, na habitación cando o seu estado ou medidas específicas de illamento o recomendan, ou incluso na UCI pediátrica cando é necesario.
 

 No Hospital Álvaro Cunqueiro, ademais da programación académica, préstase especial atención ás actividades lúdicas e de lecer. É un dos obxectivos prioritarios do seu Plan Estratéxico XXI, a humanización das áreas de maior sensibilidade, con especial atención á infancia. Trátase de que os nenos e nenas olviden ou minimicen o trauma que supón a hospitalización, o chamado “síndrome hospitalario”, e contribuír a facerlles máis grata a súa estadía no centro.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss