Almuiña anuncia que o Sergas incorporará aseos adaptados para pacientes ostomizados en todas as áreas sanitarias
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 10 2017
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, lembrou que Galicia é pioneira en poñer a disposición dos pacientes ostomizados aseos adaptados para dar resposta a súas necesidades e que o obxectivo da Consellería é que este tipo de servizos cheguen a estar en todas as áreas sanitarias “en pouco tempo”. Almuiña fixo estas declaracións esta mañá no transcurso dun acto con motivo do Día Mundial do Paciente Ostomizado no que destacou que en Galicia contabilízanse 5.000 casos.
 
Neste senso, o conselleiro de Sanidade subliñou que o proxecto dos aseos adaptados a pacientes ostomizados foi impulsado polo Servizo Galego de Saúde e o seu prototipo foi deseñado polo propio Complexo Universitario de Pontevedra, en colaboración con distintas asociacións ás que Almuiña agradeceu a súa aportación. Actualmente este tipo de instalacións xa están presentes nos sete complexos hospitalarios de Santiago, A Coruña, Vigo, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Ourense, e nos hospitais de Burela e Monforte. 

 

O conselleiro de Sanidade subliñou que é fundamental que o paciente ostomizado reciba a prestación dunha atención continuada e especializada por parte dos distintos profesionais e un seguimento individualizado. Nesa liña, ademais dos aseos adaptados, o Servizo Galego de Saúde conta nas distintas EOXI con 15 especialistas. Tamén se está a traballar na prevención a través do Programa de Cibrado de Colon, e dende o punto de vista da información, o portal FEMORA e a e-interconsulta de estomaterapia, implatada xa en Lugo, Pontevedra e A Coruña, son outras ferramentas importantes de cara a abordaxe desta doenza.

 

Na súa intervención no transcurso do acto con motivo do Día Mundial do Paciente Ostomizado, que se celebra o vindeiro 7 de outubro, Almuiña agradeceu ao Grupo de Enfermeiras Estomaterapeutas de Galicia o traballo que está a realizar e que garante que os pacientes ostomizados reciban unha atención especializada. Tamén agradeceu a Pepe Solla a implicación e solidariedade con este colectivo coa publicación do seu novo libro de receitas Ostomía y Alta Cocina, que hoxe se presentou, e no que pacientes con estomas poderán atopar alternativas saudables para a súa alimentación.

 

“É necesario sensibilizar á poboación sobre as persoas ostomizadas, dar a coñecer as súas necesidades, pero sobre todo, aportarlles ilusión e transmitir que unha ostomía non supón unha limitación”, subliñou o conselleiro de Sanidade.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte Connosco
rss