As nenas e nenos de pediatría do hospital Clínico irán en coche ata o quirófano e a realizar as probas
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
20 12 2018

Santiago, 20 decembro de 2018.- As nenas e os nenos ingresados no Hospital Clínico de Santiago acudirán a partir de agora á súa cita médica no bloque cirúrxico ou para realizarse probas diagnósticas no seu propio vehículo eléctrico.

 

Esta mañá tivo lugar o acto de entrega dos dous vehículos eléctricos doados polo Corte Inglés á Obra Social de Pediatría, liderada polo xefe de Pediatría da xerencia compostelá, Federico Martinón. No acto estiveron o director de Relacións Institucionais de El Corte Inglés, Pati Blanco, o xefe do servizo de Pediatría, Federico Martinón e a xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, ademais de persoal do servizo de Anestesioloxía e Reanimación e de enfermería e celadores.
O proxecto “Coches Eléctricos Terapéuticos” no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. Propón o uso dos coches eléctricos de xoguete dentro das instalacións do hospital cun fin terapéutico que pretende tranquilizar ao menor, procurando unha mellor colaboración co persoal sanitario no seguimento das pautas do seu tratamento e, como consecuencia, proporcionando unha maior efectividade na súa asistencia clínica. Neste proxecto ademais de Pediatría, participa o Servizo de Anestesioloxía e Reanimación, e o equipo de enfermería, auxiliares e celadores do centro.
Esta iniciativa fíxose realidade grazas ao apoio de El Corte Inglés, que xa ten colaborado en distintos proxectos de humanización co Servizo de Pediatría do Hospital Clínico nos últimos anos. Entre os máis recentes destaca a venda das pulseiras solidarias da Obra Social Pediatría (www.obrasocialpediatria.org) polas que El Corte Inglés doará o importe íntegro aos fins da Obra Social, que se xestionan a través da Fundación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.
A Obra Social Pediatría busca, a través da investigación, anticiparse ás necesidades dos pacientes e buscar solucións na fronteira do coñecemento. A Obra Social é unha entidade impulsada por profesionais do Servizo de Pediatría para contribuír ao avance a través da investigación na saúde dos pacientes pediátricos. O obxectivo é conseguir achegar a investigación de vangarda ao paciente individual, nun servizo asistencial que integre a mellor atención sanitaria cos valores de humanización no camiño da excelencia, a través dun traballo colaborativo multidisciplinar que implique tamén a estreita colaboración con outros axentes públicos e privados.
A Obra Social Pediatría conta co lema Coidamos dos nenos, investigamos polos nenos, traballa coa intención de proporcionar un pulo no avance da innovación na calidade asistencial, docente e investigadora, que redunda en beneficio da saúde dos pacientes pediátricos. As liñas de acción baséanse na investigación en pediatría, na potenciación de actividades educativas hospitalarias, na rehabilitación integral dos nenos e as súas familias, na promoción e difusión da educación da saúde, así como na innovación na asistencia.
Outras formas de colaboración coa campaña da Obra Social Pediatría é a través da realización dunha doazón de 6 euros enviando un SMS coa palabra NENOS ao 38014 ou contactar en info@obrasocialpediatria.com

 

“Cada neno é único e esencial, cada achega é única e esencial”

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss