- Santiago
de Compostela,
19 de decembro 2023.-
A xerente e o director asistencial da área sanitaria de Santiago de Compostela
e Barbanza, Eloína Núñez e Alfonso
Varela reuníronse esta mañá cos dous profesionais composteláns nomeados emérito
polo SERGAS, Miguel Caínzos e Darío Durán.
Así, o Diario
Oficial de Galicia
na súa edición do pasado 4 de decembro, publica unha Resolución da Consellería
de Sanidade pola que se nomea persoal emérito do Sergas polo período dun ano,
ou ata que cumpran 72, a Miguel Ángel Caínzos Fernández, especialista en
cirurxía xeral e do aparello dixestivo da Área Sanitaria de Santiago de
Compostela e Barbanza e a Darío Nicolás Durán Muñoz, especialista en cirurxía
cardiovascular da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza xunto a 2
profesionais máis doutras áreas sanitarias galegas.
Con este nomeamento, o departamento
sanitario galego recoñece o prestixio e a importancia de profesionais
sanitarios xubilados, e facilítase durante o período de tempo establecido e
mentres as condicións de saúde llelo permitan, a existencia dunha relación
activa coa institución sanitaria de adscrición, realizando funcións de consultaría,
asesoría e formación, aproveitando desa forma a experiencia e os coñecementos
adquiridos durante a vida laboral. A
Orde de 27 de xullo de 2010 establece que o nomeamento de persoal emérito que
se pode realizar anualmente será como máximo de seis persoas.
Para a designación deste persoal avalíase o
CV dos candidatos así como o proxecto de traballo a desenvolver durante o período
de vixencia no nomeamento.
Así, o proxecto de Miguel Caínzos presenta
un programa de formación dirixido aos cirurxiáns no manexo adecuado tanto dos
novos antibióticos como dos habitualmente máis utilizados no ámbito hospitalario,
tanto a nivel preventivo como a nivel terapéutico, focalizándose inicialmente
na cirurxía xeral e do aparello dixestivo.
“O uso correcto dos antibióticos no ámbito
cirúrxico é fundamental e é un problema de enorme actualidade debido ao
desenvolvemento de xermes - esencialmente bacterianos – multirresistentes que
xa non son sensibles aos antibióticos convencionais”, manifesta Caínzos, que
vincula o seu programa formativo aos resultados de dous proxectos de
investigación internacionais nos que participou “para concienciar a todos os
estamentos cirúrxicos sobre a importancia dun manexo correcto dos antibióticos
en aras de evitar a aparición de resistencias”.
De feito, tal e como subliña “durante os
últimos anos desenvolvéronse novas moléculas antimicrobianas que teñen un amplo
espectro de acción, e resulta imprescindible evitar que o uso inadecuado destes
novos antibióticos no terreo da cirurxía poida facilitar que a súa eficacia
antibacteriana diminúa a nivel clínico”.
Pola súa banda, o cirurxían cardíaco, Darío
Durán desenvolverá durante o seu nomeamento como emérito un estudo de calidade
asistencial nos pacientes sometidos a cirurxía cardiovascular, de modo que se
establezan uns indicadores nas distintas fases do proceso asistencial. O
rexistro dos datos destes parámetros, permitirá o seu tratamento estatístico e
o perfeccionamento do coñecemento non só da actividade hospitalaria senón da
súa calidade. “Isto crea unha oportunidade de observar pormenorizadamente como
é a asistencia, facilitando así a definición de oportunidades de mellora e a
comparación estandarizada con outros centros hospitalarios de recoñecido
prestixio”, destaca e engade que “con este proxecto hospital poderá dispoñer
dunha base de datos específica, operativa de maneira continuada”.